24/4/15

Gloria Victis: "Los hijos de Apolo"

Este é o título do primeiro volume dunha saga que, a verdade, promete. Con guión de Juanra Fernández, debuxo de Mateo Guerrero e color de Javi Montes, a historia arranca en Ilici, no ano 156 da nosa era, baixo o reinado do emperador Antonino Pío...

Anima vagula blandula
hospes comesque corporis...

Seguro que vos soan estes versos atribuídos ao emperador Hadriano e recollidos posteriormente nesa colección de biografías imperiais que é a Historia Augusta (De vita Hadriani, XXV). Así comezaba tamén o libro de Margarite Yourcenar "Memorias de Adriano".

Con estas palabras o auriga *Hermeros, pai de Aulo, o protagonista da nosa historia, vai introducindo ao seu fillo no mundo da poesía mentres prepara os seus cabalos para a carreira. É entón cando recibe a visita do seu amigo e venerado Diocles, o máis reputado auriga do Mundo Antigo, de que se di que competiu en 4.257 carreiras e obtivo a victoria en 1.462 ocasións.

Trala carreira, onde morre Hermeros nun desgrazado accidente, un naufragia, Aulo promete non seguir nunca os pasos do seu pai, pero o destino é caprichoso e as circunstancias e o talento natural do noso heroe iránno encamiñando pouco a pouco a unha carreira de gloria que o levará ata o Coliseo, aínda que para iso teñamos que esperar aos seguintes volumes da serie.

Ademais dos espectáculos públicos, as páxinas desta obra ofrecen unha interesante visión doutros aspectos do mundo romano, como a vivenda ou as clases sociais, ben representadas na familia de Caio Gratio Nigrino, coa esposa deste como implacable uxor, como ben poderá comprobar o propio Aulo.

A fiabilidade histórica da que falamos está aderezada, iso si, coas licencias propias do xénero de aventuras, no que non podía faltar o gran clásico fío argumental do chico-conoce-chica. En resume, unha amena e emocionante lectura que nos deixa con gañas de máis, e que sen dúbida gustará aos nosos alumnos.

Máis información nesta entrevista con Juanra Fernández e Mateo Guerrero na web de rtve.es.

* Hermeros foi un personaxe real, do que se conserva unha estela funeraria procedente do xacemento arqueolóxico de Valeria, provincia de Cuenca, no museo arqueolóxico desta localidade.

No hay comentarios: