28/3/16

Apóstata

Estamos no ano 355 d.C. Trala reunificación do Imperio e a adopción do cristianismo como relixión oficial, o emperador Constantino fai de Bizancio a nova capital, que agora pasa a ser coñecida como Constantinopla. A súa morte no 337 provoca unha serie de guerras das que sae vencedor o seu fillo Constancio.

Os perigos están por todas partes. No Oriente, os persas, baixo o mandato do rei Shapur; en Occidente, os alamáns, un pobo xermánico liderado polo seu rei Chonodomario, causan estragos no continente europeo.

Constancio chama ao seu primo Xuliano a Mediolanum para nomealo César de Occidente, un regalo envelenado, xa que o novo emperador terá como principal cometido frear as invasións bárbaras que azoutan as provincias de Belgica, Germania e Galia...

Con guión e debuxo do belga Ken Broeders, esta historia nos vai transportar a un Imperio en perigo, ameazado, lonxe xa da súa grandeza. No medio do xogo de alianzas, conxuras e espías da corte, seremos transportados a unha época onde todo está en cuestión, dende as fronteiras ata os mesmos deuses.

Chonodomario saquea e destrúe Colonia Agrippina. Xuliano entra triunfante en Vienna. Nas beiras do Éufrates, Constancio da por terminada a súa campaña contra os persas, ante o estupor dun xove Amiano Marcelino, por aquel entón oficial no exército. A Galia sofre as continuas invasións dos alamáns. Xuliano resiste na Civitas Parisiorum, antiga Lutecia. En Constantinopla, o emperador recela dos éxitos do seu primo.

Ademais dos acontecementos históricos e a xeografía, a lectura desta obra preséntanos unha panorámica de varios aspectos da Antigüidade susceptibles dun aproveitamento didáctico cos nosos alumnos.

A relixión oficial nestes momentos, un cristianismo violento que gañou forza tras erradicar aos partidarios de Arrio, empeza a ser cuestionada polo propio César, que admira o poder de Helios e dos vellos deuses, que cre no retorno dun mundo pagano, onde convivan todas as relixións e deuses, e vive como un asceta repartindo o seu tempo entre as obrigas do cargo e os seus estudos. Hai oco tamén para as supersticións, a maxia, o misterios e os sacrificios humanos, de man dunha falsaria vidente, Placidia, e da nena bruxa. Ademais, en varios momentos da historia son citados outros deuses como Mitra ou Hades.

Podemos asomarnos e contemplar como serían as viaxes (carros, vías de comunicación), a casa romana, moi ben debuxada nas súas partes (atrium, triclinium, peristylum, tablinum), a educación (cos útiles de escritura, tabulae ceratae, volumenes, stylus et calamus, ou a alusión aos mestres gregos de Xuliano), a medicina (o personaxe do grego Oribasio de Pérgamo) e a sexualidade (dende as sospeitas que recaen ao comezo sobre os gustos de Xuliano, ata o pérfido Trimalción ou o ambiguo Oribasio).

O autor non se pode resistir a usar nomes ben coñecidos polos amantes da Antigüidade Clásica, e así, ademais dos personaxes históricos xa citados, teremos a un Salustio (oficial militar), e a un Trimalción (rico corrupto).

En resume, unha obra altamente recomendable e cun gran aproveitamento didáctico nas aulas.

Apóstata, volumen 1
Ken Broeders
Yermo Ediciones

Máis reseñas desta obra aquí e aquí

1 comentario:

Susana Losada dijo...

Teño este cómic pendente de lectura e con esta crítica é o empuxonciño que necesitaba, tan pronto remate o último Vae Victis! alá vai. Grazas por compartir as críticas de lecturas, é algo que eu descoido por falta de tempo