3/1/17

Democracia

Democracia é unha novela gráfica, cómic ou tebeo, publicada recentemente por Alianza Editorial, dispoñible tanto en formato ePub como en papel. Está firmada por Alecos Papadatos (autor), Abraham Kawa (autor), M.ª Isabel Soto (traductor), Alejandro Tobar Salazar (traductor) e conta cun prólogo a cargo do profesor Carlos García Gual.

Estamos en Atenas, ano 490 a. C., na véspera da batalla de Maratón. O protagonista da nosa historia, Leandro, arenga aos seus camaradas para a batalla do día seguinte contra un inimigo moito máis poderoso que eles.

Mentres chegan as primeiras luces da mañá, comeza a contar a súa propia vida, a vida dun home corrente, un adolescente fascinado pola pintura que pronto será requerido polo seu pai para empezar a ocuparse dos negocios da familia, o comercio de aceite. Para iso deberá acometer unha viaxe por mar rumbo ao Quersoneso Tracio, onde coñecerá a Hero, a sobriña do cliente que vai visitar, aspirante a sacerdotisa do oráculo no santuario de Delfos.

Cando regresa triunfante á súa Atenas natal, é testemuña do asasinato de Hiparco, o irmán de Hipias, en plena procesión das Panateneas. Nos tumultos que se suceden o seu pai é asasinado e Leandro debe fuxir da cidade, buscando refuxio en Delfos, onde se pon ás ordes dun amigo da familia, encargado do recinto sagrado.

Alí, dende dentro, pouco a pouco vai coñecendo o funcionamento do oráculo e as súas implicacións políticas, encarnadas nas astutas maniobras dun personaxe central da historia política de Grecia e do propio nacemento da democracia, Clístenes, o alcmeónida, que instrúe a Leandro na historia da súa cidade, recordando a labor política de homes como Solón ou Pisístrato e interpretando certeramente a reacción do pobo ante o que en orixe foi un asasinato pasional (Hiparco), pero que logo desencadenou a rebelión ante o Tirano Hipias.

Cando regresa a Atenas Hipias xa é pasado, un refuxiado máis na corte dos persas. A cidade debátese entre varios candidatos para maxistrado principal. Leandro comeza unha prometedora carreira como pintor de cerámicas e coñece á Hetaira Dánae. Iságoras gañas as eleccións e Clístenes propón un revolucionario sistema de división dos cidadáns en novas tribos, que achegaría a estes á igualdade real ante a lei, o que finalmente provoca o ostracismo para el e todo o seu clan. Un continxente militar espartano axuda a Iságoras a manter o poder, sumándose así á forza policial escita anterior.

Unha fáisca prende no pobo ateniense e comeza unha revolta que tingue de sangue as rúas da capital. Os partidarios de Iságoras e a guarnición espartana fanse fortes na acrópole. Tras o asedio da mesma, os espartanos acceden a irse e os cidadáns toman cumprida vinganza de Isócrates e os seus partidarios, aínda que este consegue escapar. Clístenes volve ser chamado a Atenas e pon en marcha o seu plan de reformas, berce dese novo réxime político que estaba a punto de nacer, a democracia. Mentres, os persas esperan na chaira de Maratón.

-------------------
No que respecta ao aproveitamento didáctico, a obra ofrece múltiples e variados puntos a tratar.

  • En primeiro lugar a xeografía de Grecia. Ademais das cidades de Atenas e Esparta, e o santuario de Delfos, a viaxe do noso protagonista ao quersoneso tracio, a mención aos escitas e ao Helesponto pode dar pé a un tratamento máis amplo das colonizacións gregas. Unha actividade interesante podería ser crear un mapa que inclúa todas estas localizacións mediante a ferramenta scribble maps, que nos permite partir dun mapa totalmente en branco, no que podemos fixar puntos, debuxar zonas, etc. (titorial en vídeo)
  • Dentro da cidade de Atenas temos o tema do urbanismo. Lugares como a ágora, a acrópole, ou o outeiro do Pynx, aparecen espléndidamente debuxados.
  • No apartado de mitoloxía topámonos coas historias de amor de Hero e Leandro, Orfeo e Eurídice e Eco e Narciso. Podemos pedir aos nosos alumnos que nos fagan unha presentación que recolla como a arte tratou estas historias ao longo dos séculos (na wikipedia teñen á súa disposición gran cantidade de imaxes de calidade e con licenza CC)
  • E xa que estamos falando de arte grega, que menos cunha mención a cerámica grega, a paixón de Leandro, onde poderíamos facer unha liña do tempo con Tiki-toki que recolla os variados estilos e pezas máis salientables da mesma.
  • O ciclo troiano aparece na pintura que Leandro fai na súa casa: Agamenón, Ifixenia, Orestes, o que nos levaría ao tema do teatro e a traxedia grega, xa que o propio Esquilo ten unha aparición fugaz na historia.
  • Tamén os deuses do panteón olímpico están moi presentes: Atenea, Apolo, Dioniso, a Gorgona. A ficción de presentar a estes deuses no mundo actual, nunha especie de aggiornamento mitolóxico, que para iso son inmortais, é algo que xa vimos na obra de Eddie Campell, Baco.
  • No apartado da relixión cómpre destacar as fermosas e detalladas ilustracións que case nos fan participar a nós mesmos na procesión das panateneas e os sacrificios realizados na acrópole. Neste punto podemos reflexionar sobre as turbias conexións e tráfico de intereses que aparecen entre o santuario de Delfos e os políticos atenienses, algo que non nos parece demasiado alleo ao mundo actual.
  • En historia e institucións merece especial mención a explicación das reformas de Clístenes e o ambiguo papel que xoga este personaxe. Intrigante, reformista, manipulador? Como se di glosario das páxinas finais "un enigma envolto en misterio e á súa vez parte doutro enigma". Pero tamén está Solón, Pisístrato, e os órganos de goberno de Atenas: a ecclesía, a boulé, o areópago, os maxistrados. E os persas, con Maratón abrindo e pechando a historia. Unha boa ocasión para aclarar a historia de Filípides, tal e coma nola conta Herodoto, e a de Tersipo (Plutarco)
  • Na vida cotiá, ademais das referencias ao comercio e á escravitude no personaxe de Gavrion, escravo da familia de Leandro, sobresae o personaxe de Dánae, a hetaira que seduce ao noso protagonista e agasalla con espléndidos symposion aos seus invitados. Ela mesma encárgase de revelarlle a Leandro as vantaxes e liberdades propias da súa condición.
Un bo aperitivo para o Concurso Odisea deste ano 2017,  que ten como fío condutor o tema "A política en Grecia e Roma".

Podedes ler outras reseñas sobre esta obra en:
pd: Neste vídeo de 4:51'' (dispoñible con subtítulos en castelán picando en configuración!) animado por TED-Ed, Melissa Schwartzberg, nos explica o verdadeiro significado da democracia en Atenas e as similitudes e diferenzas co que significa esta palabra no mundo actual.

1 comentario:

Susana Losada dijo...

que pintaza este cómic!! Vou correndo a mercalo xa