Terceiro día de asedio dunha batalla que imos gañar. Unha batalla máis. Unha victoria máis.
Ningún pobo, ningún exército coñecido é xa capaz de plantarnos cara.
Avanzamos coma a auga, rompendo presas, filtrándose nas adegas e nos sotos.
O Imperio fíxose tan poderoso que a soa idea de manter un asedio faise insoportable.
Avanzamos.
A nosa escuadra é un diamante en bruto en medio desta potencia desatada.
Os meus homes son os meus ollos, os meus nervios, o meu ventre, e eu son o que son os meus homes.
Avanzamos.
Os meus homes desexan o que eu quero, e eu quero o que desexa o Imperio.
Avanzamos.
Polas mulleres, polo ouro, pola gloria.
Cubrimos a terra con sangue inimigo.
Avanzamos.
Polo Imperio.
Así comeza "Por el Imperio" I. El Honor, de Merwan Chabane (guión) e Bastien Vivès (debuxos), editado por Diábolo Ediciones, que ten a súa continuación en "Por el Imperio" II. Las mujeres, de recente aparición. A serie completarase cunha entrega máis, "Por el Imperio" III. La Fortuna", editada xa en francés pero aínda non en castelán.
Nunha época indeterminada, a tensión apoderase do lector dende a primeira viñeta. O tenebrismo da atmósfera, a inquedanza que nos provoca ese debuxo de trazos expresionistas, de cores tan semellantes á cerámica romana, de ceos negros ameazantes, fan desta obra unha lectura ideal para estas datas que ameazan un ano máis o noso descanso invernal. A guerra, a ambizón, a conquista, a violencia, o derramamento de sangue, contrapunto de tanto azucre, compras e boas intencións coas que se adornan as Saturnalia do século XXI.
Merquei estes dous volumes para a Biblioteca do MGB, e sen dúbida pasarán a engrosar a mítica listaxe de Cómics censurados que posúe o Departamento de Latín (gárdanse nun cuartucho especial, a salvo das lúbricas miradas dos alumnos dos primeiros cursos da ESO). Que fermoso exemplo para ilustrar a pervivencia das institucións republicanas! (e que gran publicidade para espertar a curiosidade dos futuros lectores!)
En calquera caso a min paréceme un complemento estupendo para ilustrar o tema do exército, do que hai pouco realicei un traballo en eXeLearning con cuestionario Moodle incorporado, que podedes descargar dende a wiki de Chiron, tanto no formato propio do programa *.elp como en *.zip (páxina web).
Podedes ler outra reseña da obra en "Cárcel de Papel".
E por último, un vídeo a modo de Trailer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario