24/2/10

"Apadriña un monumento". VRBS ROMA MGB 2010

De entre os millóns de webs que ao longo dun día poden xurdir nos todopoderosos servidores do gran irmán Google, hoxe queremos destacar esta nova web colaborativa, VRBS ROMA MGB 2010, creada por mor da viaxe que imos realizar no meu centro á Cidade Eterna na primeira semana de abril deste ano,  e na que participaremos 40 alumnos e 3 profesores. 
Organizada polos departamentos de Latín e Xeografía e Historia do MGB, esta nova web, que editarán os propios rapaces segundo mandan os cánones do constructivismo máis ortodoxo, servirá non só de guía de referencia a tódolos monumentos e museos que visitemos, senón que tamén fará as funcións de blog de viaxe, onde colgaremos todas as novas que se produzan antes, durante e despois da mesma. 
Está estructurada da seguinte maneira: unha páxina de inicio a modo de blog de novas e presentación, e un menú lateral que leva ás páxinas dedicadas aos monumentos e lugares de interese da cidade, agrupados por outeiros ou zonas.
Dentro da consigna "apadriña un monumento", o alumno editará a páxina correspondente engadindo texto, imaxes (á espera de engadir as nosas propias, de momento só están permitidas as que posúan unha licencia CC), presentacións, vídeos e información relevante sobre a localización no mapa e o medio de transporte (metro, autobús, etc). Unha vez finalizado o seu traballo deberá expor o mesmo ante os seus compañeiros na clase (e quen sabe se facer de guía profesional na propia visita, aínda que isto último non está sendo moi ben recibido polo persoal...)
Para o que traballou con FrontPage no século pasado e logo con Dreamweaver nos comezos deste, é de agradecer agora contar cunha ferramenta tan sinxela de uso e ao mesmo tempo tan potente como GoogleSites. Unha web e un blog integrados, audio, vídeos, presentacións, imaxes, e todo isto posible sen instalar ningún programa, nin pagar ningún aloxamento, nin ter un gran coñecemento de informática, e que toda a clase pode editar dende a súa casa con só un nome de usuario e un contrasinal...! 
Íamolo crer se nolo din hai dez anos?
Aínda que estamos empezando e a maioría dos apartados están agardando pola pluma do seu redactor, tomeime a libertade de engadir un fermoso e preciso texto do noso amigo Xosé Manuel Otero, referente aos espazos urbanos para actividades físicas (O Foro romano), que publicou hai ben pouco no Olmo dos falsos soños.
E como lle dixen a el: con estas ferramentas, estes textos, a colaboración cada día máis intensa entre colegas e a imponente biblioteca de recursos do vello Centauro... 
quen bota de menos o sagrado "Libro de Texto"?

3 comentarios:

Susana Losada dijo...

Que idea tan boa para preparar unha viaxe... Se cadra cópiovola para que se impliquen máis os rapaces e de paso me estreo en google sites

Álvaro P. Vilariño dijo...

Pois anímate, xa verás que doado é traballar cos Sites...
Para ti e sobre todo para os rapaces, que son os que de verdade teñen que facelo...

Luis Inclán dijo...

¡Envidia de la buena me das!
El viaje, todo un lujo; y la idea de la página VRBS ROMA, estupenda. ¡Así da gusto!
Que os vaya muy bien.