- Cipria, que trataba sucesos precedentes á Ilíada
- a Pequena Ilíada, que continuaba a historia ata a construción do cabalo
- Iliupersis, o saqueo de Ilión, onde se narraba a caída e destrución da cidade
- Os Nostoi (regresos) a volta a casa, moitas veces tráxica, dos heroes gregos.
Tamén os dramaturgos tráxicos nas súas obras aportan máis información, como Eurípides en "Ifixenia en Áulide", ou Esquilo en "Troianas" e "Agamenón".
Os escritores romanos continuaron a historia, como Quinto de Esmirna coas "Posthoméricas". O sirio Luciano, nos seus Diálogos do século II d.C. relatou o "Xuízo de Paris", causa da guerra. Ovidio tamén aludiu a varios episodios da mesma nas Metamorfoses e nas Heroidas. Máis detalles aportan Apolodoro, Servio ou Pausanias.
Nestas obras podemos atopar ás veces contradiccións, versións diferentes, distintos puntos de vista, pero de todas xurdiu a gran historia épica da literatura universal, a loita por Helena de Troia.
(...) Esta novela gráfica tivo en conta todas estas fontes,
para que a historia completa sexa de todos coñecida...(...)
Así, con esta introdución, que aparece nestas liñas lixeiramente adaptada, comeza esta nova obra da Colección de Clásicos Ilustrados Marvel, con guión do gran Roy Thomas e debuxos do español Miguel Sepúlveda, que xa traballaran xuntos na Ilíada (nesta mesma colección). A Roy Thomas debémoslle tamén a gran adaptación que fixo da Odisea (neste caso con debuxos Greg Tochhini).
A obra comeza coa aparición de Eris e o xuízo de Paris. Seguimos despois co rapto de Helena no pazo de Menelao, a busca de Ulises en Ítaca e de Aquiles na corte do rei Nicomedes, o sacrificio de Ifixenia, o abandono de Filoctetes, a captura de Briseida e Criseida como botín de Aquiles, a disputa entre Ulises e Palamedes, a chegada de Pentesilea e as amazonas e a súa morte a mans de Aquiles, a morte de Tersites e Memnón tamén causadas polo fillo de Peleo, e finalmente a morte de este pola famosa frecha disparada por Paris. A historia continúa con Aiax e Ulises recuperando o cadáver de Aquiles e a posterior disputa entre estes dous heroes que remata coa loucura e suicidio do primeiro, o rescate de Filoctetes e a morte de Paris. Cóntase tamén as discrepancias dos deuses dende o Olimpo e o combate singular entre Ares e Atenea, atallado pola intervención de Zeus. Seguen as manobras de Ulises, que percorre disfrazado as rúas de Troia e busca a colaboración de Helena, a historia do cabalo e o traidor Sinón, a morte de Laocoonte. Troia arde e Neoptolemo mata a Príamo sen ningunha piedade, Menelao fai o mesmo con Deífobo, Eneas foxe cos seus e contempla a unha Troia en chamas, Odiseo e Calcas condenan a morte a Astianacte, fillo de Héctor e Andrómaca, despeñándoo dende as murallas de Troia, e Agamenón leva con el a Casandra no seu barco, desprezando as prediccións que máis tarde se farán realidade. Na última viñeta, un Menelao e unha Helena felices e comendo perdices para o resto dos seus días.
En resumo, unha obra imprescindible para as bibliotecas dos nosos centros, unha magnífica porta de entrada na Literatura Clásica para os nosos alumnos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario