Este sábado asistín a unhas xornadas sobre as (ultimamente ubicuas) TICS nos centros educativos (ver programa)
Julio Cabero, da universidade de Sevilla, deu comezo ás sesións cunha moi interesante ponencia sobre o papel do profesorado nestes novos contornos, cunha semellanza extraordinaria cos postulados do noso proxecto en Chiron.
Escoitáronse frases repetidas ata a saciedade en moitos medios, por exemplo, que temos "unha administración educativa en moitos casos cunha organización do século XIX, un profesorado do século XX e un alumnado do século XXI", que debemos "levar a informática á aula", ou "facer a tecnoloxía invisible", de xeito que o alumno a considere algo habitual, ou que o profesor deber ser "un evaluador-seleccionador da mesma".
A mañán rematou con dúas ponencias da consellería, das que destaco a última, "Proxecto Webs Dinámicas", a cargo de J. Barreiro e J.A. Martínez, onde escoitamos falar de Drupal, de Copermine, de Moodle e de phpwebquest.
A tarde foi para as experiencias dos centros. Respectando o traballo de todos, eu destacaría a presentada por o CEIP de Palmeira (e o seu Rato Paco), e a do IES Xulián Magariños de Negreira. A primeira pola súa operatividade no centro, a segunda por ese magnífico traballo de recopilación de software libre que é MAGASI.
En canto á organización do evento dicir que das novecentas solicitudes só puideron admitirse unhas 300 debido ao aforo do local da EGAP en Santiago.
Foi unha mágoa que non se programasen as ponencias de maneira que puidese haber un pequeno debate ao remate de cada unha. A xente tiña moitas cousas que dicir (somos profes 2.0!) , e outras que reclamar, como por exemplo un novo plan de formación dun profesorado do século XXI, pero que aínda conta cunha estructura formativa do século XIX.
Se algúen tivo a ousadía de pedir algunha vez un "grupo de traballo" saberá do que falo.
Por qué, por exemplo, un centro que teña a un grupo de profesores que queiran formase nunha ferramenta TIC determinada, ten como única posibilidade de conseguilo a formación do chamado "Grupo de Traballo", ou sexa, que ten que elexir a un "coordinador" que ten que facer un "proxecto", que ten que constar de "obxectivos, avaliación, temporalización, etc", que ten logo que presentar unha "memoria final", que ten que esperar alomenos dous ou tres meses para que llo concedan ou non...
Polo visto non é suficiente que queira facelo! Absurda burocracia. O profesorado necesita procedementos máis áxiles e rápidos. Estamos no século XXI.
No hay comentarios:
Publicar un comentario