24/2/08

MODELO DE EXAME PAAU 2008

A principios deste mes de febreiro que xa remata recibimos nos centros un correo do coordinador de Latín onde nos citaba a unha próxima reunión e ademais incluía un modelo de exame para as probas de selectividade 2008.
Os textos previstos para a traducción foron os seguintes:
  • un primeiro de Eutropio, de nivel apropiado e ben elixido, xa que incorpora un episodio da romanización de Hispania, en concreto as revoltas de Viriato.
  • un segundo de Fedro, máis difícil para o alumno, feito habitual nos textos deste autor, pero dentro tamén do esperado (este mesmo texto foi o do exame de setembro do 2002).
A miña opinión é que Eutropio é un autor fácil para o alumno, que narra feitos capitais da historia de Roma, e que son textos facilmente relacionables cos temas explicados en clase (este por exemplo intégrase perfectamente no tema da romanización de Hispania)
Fedro en cambio é un autor xa esgotado. Leva moitos anos en cartel e os párrafos que poden ser obxecto de exame repítense unha e outra vez. O cambio é necesario. Xa non da para máis.
As preguntas de comentario gramatical tamén parécenme ben escollidas e con moitas cousas que comentar, sobre todo no texto de Eutropio, que presumo será a opción maioritaria do alumnado.
Na pregunta de literatura o alumnos tén que falar dos "diferentes tipos de oratoria".
Creo que é unha pregunta mal plantexada, polo menos eu non sei que é o que se pregunta realmente, se unha enumeración das diferentes escolas ou tendencias da oratoria (ática, rodia, asiática), se os tipos de discurso (xudicial, deliberativo, demostrativo), se a cuestión é falar da oratoria na República e na oratoria no Imperio, etc. Busquei en varios manuais escolares a ver se aparecía algo que me dese unha pista pero foi inútil. Sigo sen saber que se pregunta aquí, e coido que os alumnos tampouco poderían dar unha resposta clara a esta cuestión. Deixade os vosos comentarios se tedes algunha idea do que se tería que ter constestado nesta pregunta.
Nas "cuestións de Cultura Clásica" aparecen catro:
  • a primeira referida á composición de palabras, insistindo sobre o valor semántico dos prefixos verbais.
  • a segunda, un exercicio de emparellar latinismos en frases
  • a terceira, a de topónimos
  • a cuarta, monumentos e lugares da Gallaecia romana
De estas catro cuestións vou destacar unha, por inútil. Trátase como non da cuestión dos topónimos. Fixen ademais un experimento científico con ela. Entregueille o exercicio aos meus alumnos de 1º de bacharelato e a maioría deles acertaron todas (máis da metade da clase) o os demais só fallaron unha, empregando os que máis pronto acabaron uns vinte segundos, e os últimos un minuto escaso, alumnos ademais que nunca viron este tema na clase. Estou seguro de que se facemos esta proba con alumnos de ciencias os resultados son similares.
A labor do coordinador tampouco axuda. Estivo un ano para corrixir unha lista defectuosa, e a que entrega este ano inclúe unha descoñecida "Cotobada", que logo desapareceu, e dúas "Chantadas", que aí seguen (e seguirán...). E todo isto sen a mínima bibliografía ou comentario que sexa de axuda para o profesor.
Estimo que a toponimia é un campo léxico importante á hora de estudiar á evolución do latín ao galego e castelán, pero existen outros moitos campos igualmente interesantes. Creo que sería máis aproveitable didácticamente e máis valioso para o alumno un exercicio onde, manexando unhas cantas regras fundamentais de evolución fonética, puidese deducir a evolución sufrida nuns determinados étimos latinos no seu paso ao galego e castelán, onde tamén se puidesen incluír cuestións do tipo "Dime que cultismo e que palabra patrimonial atopamos no galego e castelán a partir deste étimo latino", etc.
En fin, que teremos topónimos un ano máis, pero espero que sexa o último. Para axudar nesta tares podedes descargar a lista de topónimos 2008 comentada, obra do meu comes Benigno Riveiro Arjones, a quen dende aquí quero agradecer o seu traballo.
E por último saudamos a incorporación de Fernando Lillo ao grupo de traballo de Latín. Non temos dúbida de que pronto sentiremos a súa presenza e a súa dedicación. Tamén pode axudar o recente revés electoral de López Pereira nas eleccións á directiva de SEECGalicia. Así terá máis tempo para dedicarlle á coordinación e posta en marcha deste novo equipo.

No hay comentarios: