14/12/08

Toponimia de Galicia

Así reza o título deste libro de Fernando Cabeza Quiles, publicado neste ano de 2008 pola editorial Galaxia, sen dúbida unha gran axuda para preparar a listaxe de topónimos de cara ás probas de Selectividade de 2009.
Nas súas 703 páxinas podemos encontrar unha guía por orde alfabética dos topónimos de Galicia, dende ABA ata XUVENCOS, onde cada entrada recolle unha familia de topónimos afíns (por exemplo, na voz A Estrada, páxina 257, aparecen tamén Calo, Cal, Calousada, Volta, Encrucilladas, Travesas, Carril, e otros topónimos viarios que fan referencia a vías e antigos camiños)
Inclúe tamén unha abondosa Bibliografía, imaxes tomadas polo propio autor e un índice xeral final onde se recollen todas os topónimos citados coa súa referencia de páxina.
E como di o propio autor na introdución:
"(...) Como o que quere pillar troitas ten que se mollar e sen experimentar as ciencias non camiñan, o autor fai algunhas hipóteses, clara e honestamente advertidas, sobre a explicación de determinados topónimos de dubidosa e incerta etimoloxía e significado; conxecturas que, como tales, poden non ser definitivas e esperan, por parte de quen as propón, a aceptación ou o rexeitamento da comunidade lingüística (...)".
Podedes descargar dende aquí en documento *.pdf a reseña que saiu publicada no diario El País o 17 de outubro deste ano.

9/12/08

PaulatimGallaecia

Como complemento á nova sección da WiChiron que anunciabamos na entrada anterior, concibida como un repositorio documental, nace agora PaulatimGallaecia, unha wiki-taller onde poderemos construír entre todos os recursos necesarios para a preparación das probas de latín da Selectividade galega (PAAU).
Así se explica o seu nome, "Paulatim", pouco a pouco, paseniño, de vagar.
Guiados pola man do centauro temos á nosa disposición unha nova ferramenta para o traballo colectivo.
Quere ser este un espazo de todos e para todos os profesores de latín que queiran participar na elaboración de materiales de calidade para os nosos alumnos.
Debemos cambiar a nosa forma de traballar. Nun mundo cada vez máis 2.0, con moitos recursos á nosa disposición, cada vez ten menos sentido o traballo individual, illado.
Agora estamos estragando as posibilidades que ofrece a nosa intellixencia colectiva. Non podemos seguir cada un no seu antrum, elaborando listas de topónimos ou latinismos, traducindo ao galego as pasaxes de lectura, confeccionando temas de literatura, et cetera.
Demasiado traballo para un só profesor. Temos que unirnos e traballar todos xuntos neste proxecto.
Paso a paso, de vagar, paulatim.
Os beneficiados seremos todos. Os profesores, porque facer todo este traballo, cando a penas existen materiais en galego, é unha tarefa demasiado grande para unha soa persoa. Os nosos alumnos, porque ao fin e ao cabo, son eles os que recibirán o froito desta iniciativa.
Participar é moi sinxelo. Só hai que entrar en http://paulatimgallaecia.wikispaces.com, e xa poderemos editar calquera páxina.
Aínda así recomendo a todo o mundo que se rexistre en wikispaces: é gratuíto e só leva un par de minutos. Ao entrar como usuario rexistrado pódese subir arquivos ao sitio e sempre deixaremos o noso nome no historial de cambios. Facilitaremos tamén a tarea de vixiancia fronte ao posible vandalismo ao administrador do sitio. É moi recomendable tamén poñer un pequeno resumo cando fagamos unha modificación (na parte inferior da pantalla de edición aparece unha pequena caixa para facelo).
O armazón está feito. Só queda poñer o noso gran de area e ir completando todos os apartados. Traballemos entre todos, traballemos xuntos.
Paulatim.


7/12/08

Wiki, Wiki

Axiña, axiña (que é o que significa Wiki en hawuaiano) deixou o vello centauro a súa semente na fértil e ben disposta Gallaecia.
Primeiro foron os blogs. Aquí vai unha mostra.

Logo os cursos de Moodle na Aula Virtual de Chiron (hai 30 cursos de prácticas!)

Pero hai máis.

Foi no segundo día do curso, cando a consellería decidía sen asomo de piedade privarnos de internet, e durante o banquete ritual no entrerrúas (en ausencia de Lapitas, naturalmente).
Ocurriuseme entón que xa que acabábamos de formar un (dinámico a xulgar pola incesante actividade na aula virtual) grupo de profesores de clásicas galegos, nada mellor que poder traballar en proxectos comúns, en sintonía coa filosofía 2.0 que daba título ao curso.
E onde o necesitabamos máis? Sen dúbida na elaboración de materiais para a selectividade.
Ate o de agora tiñamos todos os materiais dispersos pola silva virtual. Era hora xa de que os xuntáramos todos nun mesmo espazo, e que lle déramos oportunidade a tódolos profesores que quixeran colaborar de subir os propios.
Nace así unha nova sección da wiChiron adicada á Selectividad Galega, dividida en primeiro lugar en Latín e Grego, e logo estruturada en tres seccións: exámenes, criterios-orientacións, e materiais.
No apartado da Selectividade de latín os materiais aparecen listados da seguinte maneira:
  • Fedro
  • Eutropio
  • Literatura Latina
  • Lecturas
  • Latinismos
  • Topónimos
  • Composición e derivación latina.
Unha vez construída esta armazón, só queda enchela. Fago dende aquí unha invitación a tódolos profesores de Clásicas de Galicia para que colaboren neste proxecto, facendo desta wiki un compedio de todo o noso traballo, que revirta nunha mellor calidade na educación dos nosos alumnos.
Como facelo? Moi fácil. Na guía rápida da web de Chiron atoparedes unhas sinxelas instrucións. O único que necesitamos é ter os nosos arquivos previamente subidos á rede. Podemos subilos ao espazo do noso centro con Drupal, ou ben a servizos externos como Slideshare (presentacións) ou scribd (*.doc, *pdf). Son servizos gratuítos que só precisan dun rexistro previo. Unha vez subidos os nosos documentos os enlazamos dende a wiki mediante hipervínculos.
Necesitamos tamén que alguén de grego se ocupe de dividir a sección correspondente cos seus apartados, xa que polo de agora está baleira. Espero que non por moito tempo...

* Ilustración de Mauro Evangelista (Babelia, El País)

4/12/08

Avance imparable de Moodle

Según se recolle na edición de hoxe do Ciberpaís, a plataforma Moodle conta xa con máis de 4.000 institutos, academias, universidades e empresas rexistradas en España, unha cifra sen dúbida moi inferior á utilización real, xa que o rexistro é voluntario.
Logo dunha breve introdución, onde se citan exemplos das diferentes entidades educativas (e empresariais) que o están a utilizar, o artigo recolle unha entrevista con Martin Dougiamas, o australiano de 39 anos creador de Moodle e boss supremo da comunidade (a española é a segunda máis activa do mundo).
Todavía non coñeces as súas posibilidades?
Visita os meus cursos de latín na Aula Virtual do MGB (categoría Latín e grego) ou a Aula Virtual de Chiron.
Descarga dende aquí o artigo completo en *.pdf.