30/11/10

En perigo de extinción

Esta vez o perigo asexa ao mundo universitario. A Consellería estipulou un prazo de tres anos para que as carreiras con menos de 25 alumnos incrementen a matrícula. En caso contrario desaparecerán. O caso, sen ir máis lonxe, de Filoloxía Clásica. Así aparecía publicado este domingo na Opinión de Coruña. Iso si, neste prazo os nosos colegas universitarios poden artellar os medios que consideren oportunos para incrementar matrícula. Promoción, publicidade, renovación, actividades, esforzo por captar alumnos... Sóavos de algo? Benvid@s ao clube.

Por outra banda saiu publicada tamén na páxina da CIUG a nova lista de ponderacións das materias da fase específica para o curso 2011/2012. Tralas xestións realizadas no seu día por SEECGalicia, temos que dicir que a situación mellorou substancialmente, sobre todo no caso do latín. O grego non sae tan ben parado (puntúa 0,1 en Historia, Historia da Arte, Información e Documentación, e Ciencia Política e da Administración, por 0,2 do latín). No caso de Xornalismo, para desgraza dos meus alumnos e malia o noso traballo dos latinismos na prensa, quedan ambas materias cun exiguo 0,1.

pd: que ocorrrerá se os plans de promoción na Universidade non teñen éxito? Quedarán os nosos colegas relevados de docencia e entregados exclusivamente aos misterios do xenitivo en Horacio ou o aoristo sigmático en Xenofonte? Terán que exercer tamén de profesores de alterne, con clases de Lingua Española, Fonética xeral ou Atención Educativa?

3 comentarios:

Luis Inclán García-Robés dijo...

Querido Álvaro:
La situación es más que penosa porque se atiende sólo a criterios de rentabilidad económica.
No queda más solución que sacar adelante vocaciones clásicas desde secundaria. Todo lo demás, serán puros remiendos... Es triste pero es así.
¡Mucha suerte en el empeño!

Susana Losada dijo...

Esta situación tamén debería facernos reflexionar non só aos profes de secundaria senón tamén aos do ámbito universitario. Estou de acordo con Luis en sacar as vocacións clásicas dende a secundaria, pero tamén é necesario que as esixencias universitarias non nos saquen a nós alumnos. Estes anos observo como aos meus alumnos de primeiro de BAC lles gusta o grego: a lingua, a literatura, a mitoloxía, a etimoloxía, a historia... pero ao pensar na gramática e as esixencias de tradución de segundo se botan atrás. Por outra banda vexo aos meus exalumnos/as decídome o ben que lles veu a etimoloxía que estudiaron,as obras de Sófocles que leron ou a moita mitoloxía que aprenderon... (ninguén se acorda do aoristo)Conclusións? Penso que é necesario replantexar o currículo de BAC. No exame de grego de selectividade, a tradución vale 7 puntos!!! É innegable a importancia da lingua, pero en dous anos só se pode traducir grego pagando un prezo moi alto. En dous anos pódense coñecer os rudimentos da lingua e facer traducións sinxelas (consolidar unha boa base lingüística), pero para traducir de verdade está a facultade... penso eu

Álvaro P. Vilariño dijo...

Canta razón tes no que dis Susana. Eu levo pensando iso dende hai moitos anos, e nunca me atrevín a dicilo en alto por medo a molestar aos colegas de grego.
Así que as túas palabras teñen moitísimo máis valor do que poderían ter as miñas.
Estou de acordo contigo que ou cambia o currículo de grego ou xa nos podemos despedir desta asignatura, primeiro no bacharelato e logo na universidade. Priorizar a lingüística grega e a gramática fronte á etimoloxía, civilización e literatura grega me parece que hoxe está fóra de lugar.
En segundo de bacharelato hai unha auténtica desbandada. No meu centro xa nin grego hai...
A situación é crítica, aínda que hai moitos que non queren velo ou miran para outro lado.
E máis cedo ou máis tarde isto vai ter un impacto brutal na Facultade. Pensan que van ter alumnos para Filoloxía Clásica se as cousas seguen así?