Vale, xa sabemos que non é un título moi orixinal, pero así foi presentada a miña ponencia nun bolo moi especial que tiven esta semana que hoxe acaba.
O mércores, logo de pasearme co LLPSI nas mans entre os pupitres dos meus alumnos de 1º de Latín enumerando as armas e demais equipamento dun miles romanus, puxen rumbo a un dos mellores hoteis de Santiago, onde me esperaba unha audiencia dunhas 50 persoas, de 30 a 80 anos, e un inhalámbrico diminuto conectado dende a miña camisa a un equipo de son que sería envexa da mesma París de Noia.
Alí disertei sobre a Dura lex, sed lex, que outorga ao alumno o dereito a ser formado coa competencia dixital necesaria, sobre o nacemento da 2.0 (Atenea xurdindo da cabeza dun Zeus de só lectura?), sobre nativos e inmigrantes dixitais. Falei de compartir, de participar, de grupos e redes, da folksonomía e das etiquetas, e das "gañas de equivocarse" que tantas veces invoco e que escoitei por vez primeira ás sabias Voces Gregas.
A Unión de Consumidores de Galicia, por "esas cosas raras de la vida", púxose en contacto comigo para participar nunhas xornadas que levaban por título "As Asociación de Consumidores no século XXI".
Malia que no tríptico o meu nome figuraba co epígrafe de "Técnico da Consellería de Educación", eu presenteime como o que son, profesor de latín de setembro a xuño (vale, isto último non o dixen...)
E teño que dicir que, a medida que ía falando e pasaban as diapositivas, empecei a notar unha especial conexión coa xente, esa empatía que che fai sentir que realmente te están escoitando, e o que é moito peor, que te están escoitando con interese e atención, o cal, para un profesional do ensino non deixa de ser unha auténtica bendición, vindo como vimos doutros mundos (pero que están neste...)
E se ao final chegan os aplausos e as felicitacións persoais á saída digamos que xa entramos directamente nos campos Elíseos dos ponentes xustos.
No turno de preguntas houbo un chaval (digamos de tres cuartos de século...), algo ofendido quizais pola fenda dixital que mostraba o vídeo do Pai e Fillo e o portal Wap, que nos retaba a que o pechásemos nunha habitación cun nativo dixital adolescente, e que logo de "cortarlle o cable" (sic) lles puxésemos aos dous cantas operacións matemáticas ou traducións de latín quixeramos, e a ver quen resolvía mellor. (logo, nunha segunda intervención, propuxo tamén unha nova clasificación para os grandes inventos da humanidade, onde a anestesia quedaría por diante da roda, da imprenta ou do ordenador. E non vou ser eu quen llo discuta...)
E para rematar o post (unidade de medida na comunicación 2.0) este vídeo que nos amosa o poder da colaboración, da intelixencia colectiva, das redes que podemos crear (e o incrible talento musical que teñen algúns...)
No hay comentarios:
Publicar un comentario