Lemos na prensa que nos vindeiros 25, 26 e 27 de xuño vaise celebrar en Lugo unha nova edición do Arde Lucus. E digo lemos na prensa porque, como desgrazadamente é habitual, a menos dun mes para o inicio dos actos, na propia web do evento (de vistoso deseño pero cunha navegación difícil e engorrosa e escaso ou nulo contido) non podemos atopar nin o programa nin o cartel para 2010.
Pola prensa nos enteramos tamén de que este ano se vai poñer en marcha o "Tapitorium", unha rota de tapas polos bares da cidade. Outra aberración (lingüística como pouco) á que tamén nos teñen acostumados os organizadores (recordades o "comilonum"?).
Pero se isto fose pouco, tamén os diarios informan dunha especie de "evento paralelo", o Lux Nox Festival, onde poderemos ver a afamados DJs vestidos de romanos...!
Como vemos, non só non avanzamos nada dende o ano 2008, cando escribín o de "Arde Tarraco e Fumea Lucus", senón que mesmo retrocedemos. Podería repetir este ano as mesmas palabras que usara entón.
Seguimos empeñados na festa gastronómica como principal obxectivo, non hai oferta de actos culturais paralelos (conferencias, cine, talleres), nin se invita ás asociacións de recreación histórica, especialistas en darlle a cor necesaria a estes días (só participan as de Lugo), etc.
Só temos que darnos unha volta pola web de TarracoViva para darnos conta de ata onde se pode chegar con actos deste tipo. Con que aquí se fixese a décima parte, co mesmo criterio histórico e didáctico, daríame por contento.
Pero moi preto da cidade das murallas tamén nacen boas iniciativas, aínda que fóra da organización, como este desfile de moda protagonizado polos alumnos e alumnas de Cultura Clásica do IES de Melide.



