Neste vídeo realizado polos meus alumnos de Tics, formulamos 7 preguntas a diversos membros da comunidade educativa: por que les?, cando?, onde?, a que idade comezaches?, cales son os teus xéneros preferidos? e que obra recomendarías?
A miña resposta ás dúas últimas tivo que ver co Cómic e con Greek Street, a última obra de temática clásica dentro deste xénero que caeu nas miñas mans.
Con guión de Peter Milligan e debuxo de Davide Gianfelice, por esta historia negra e turbia, ambientada nos baixos fondos de Londres, desfilan personaxes que volven dar vida aos grandes temas da traxedia grega.
Un Edipo (Eddie) que busca e (desgrazadamente para ambos) encontra á súa nai, unha Casandra adolescente de atormentadas visións á que ninguén cre, un erudito experto na obra de Eurípides, un actor porno á imaxe de Pan, Erinias vingadoras, Ménades, un Áyax que regresa da guerra (de Afganistán), un coro (de stripers) que comenta ou adianta feitos da trama principal, uns deuses que se burlan de todo o que acontece ao ser humano, alleos ás súas desgrazas, fríos e distantes como os retrataba Homero, e un detective, Dédalo, que intentará atopar a saída deste laberinto de crimes e paixóns tan humanas hoxe como o foron hai 2.000 anos.
Unha gran obra, sen concesións á galería, que aúna os mecanismos narrativos da traxedia clásica coa linguaxe da banda deseñada, e que apreciará o lector versado no Mundo Antigo. Crúa, caótica por momentos, sen dúbida destinada a engrosar a lista de cómics censurados do Departamento de Latín do MGB.
Outras reseñas en:
*Preme na opción 720p HD para ver o vídeo en alta definición (parte inferior da imaxe).
1 comentario:
¡Qué alegría ver a Mayte!
Estupendo vídeo, qué diverso y rico es el mundo de la lectura.
Publicar un comentario