Sexa esta entrada unha homenaxe ao gran escritor e periodista italiano Indro Montanelli (1909-2001), que alá polo ano 1957 publicaba a súa famosa Storia di Roma. Narrata da Indro Montanelli ai ragazzi dai nove ai novant'anni, un libro de divulgación histórica, que poderá ser criticado polos estudiosos, pero que para nós segue sendo unha ferramenta valiosísima á hora de introducir aos nosos alumnos nos avatares da historia da Urbs. Montanelli, como Asimov ou o propio Stephen Hawking, foi un extraordinario divulgador que sempre tivo un obxectivo á hora de escribir, "facer que cada artigo poida ser lido e entendido por calquera, mesmo polo leiteiro de Ohio" (ou por un alumno de 4º de ESO, engadiría eu...).
E como mostra este botón, un extracto do capítulo VI onde nos fala dos pormenores do conflito social nos primeiros tempos da Res Publica, dos interesados apaños entre patricios e ricos cabaleiros, dos espectaculares logros da que quizais foi a primeira folga xeral da Historia e da capital importancia da publicación da lex XII tabularum, fonte do Dereito Romano. O documento inclúe unhas cuestións sobre o texto na derradeira páxina e imaxes CC procedentes da cada vez máis indispensable galería de Chiron en Flickr (incrible a que nos mostra a un patricio e cabaleiro en moi boa compaña, distinguidos apenas polo seu calzado).
pd: e quen di patricios e cabaleiros podería dicir presidentes e empresarios, políticos e banqueiros, e quen di calzado, podería dicir traxes, bolsos, "te quiero un huevo", "amiguito del alma", "lo nuestro es muy bonito..."
e xa postos poderíamos falar das movilizacións, das pancartas, do cese de actividades extraescolares, de ese corpo que xa non quere obedecer máis as esixencias e recortes que impón o Senatus, e pensar nunha retirada ao noso Mons Sacer para fundar un novo Estado, onde a Educación volva ser unha Res Publica.
Indro Montanelli - Inicios da República
2 comentarios:
Excelente traballo pedagógico, felicidades. ¿Pódese ler a Historia de Roma tamén en galego?
Grazas Ramón. Creo que de momento os que queiran ler en galego a don Indro, terán que conformarse coas miñas traducións....!
Publicar un comentario