Mil naves é o título do primeiro tomo da monumental obra gráfica sobre o ciclo troiano realizada por Eric Shanower, guionista-debuxante, gañador entre outros do prestixioso premio Eisner 2001 e 2003.
Dos 7 volumes previstos, actualmente están rematados tan só 3: Mil naves, Sacrifice e Betrayal. En realidade trátase de volumes recompilatorios, pois cada un deles inclúe os 3 episodios publicados en España por separado anteriormente (os 9 issues, na edición americana)
Aquí de momento só contamos co primeiro destes volumes, Mil naves. De Sacrificio están publicados os 3 episodios por separado e de Traizón só os 2 primeiros. Podedes ver dende aquí a serie completa.
Existe tamén unha versión dixital en castelán dos 27 primeiros números (formatos epub, web, ios), que se pode adquirir nesta web.
O volume que nos ocupa hoxe arranca co pastor Paris nas ladeiras do monte Ida, dende onde se dispón a baixar ata a corte do rei Príamo, quen logo duns xogos atléticos recoñecerá ao seu fillo perdido. Seguen logo o famoso rapto de Helena e os preparativos dos aqueos para a inminente guerra, que inclúen a busca dalgúns heroes que intentan evitar a súa participación, como son o caso de Aquiles escondido na corte do rei Licomedes, ou Ulises, que se fai o tolo en Itaca. As últimas viñetas recollen a partida das "Mil naves" dende as costas de Áulide cara a Troia.
Inclúense ao final unhas páxinas que recollen a Historia da casa de Atreo (Los Hijos del Horror), glosario de personaxes, bocetos e entrevistas co autor, así como unhas fermosas ilustracións a todo color. No comezo do libro contamos cunha introdución que nos conta os feitos principais da historia da Guerra de Troia e das excavacións realizadas no xacemento arqueolóxico.
Na web Age of Bronze atoparemos toda a información necesaria: resumes dos libros, índices de personaxes, ligazóns relacionadas (botade unha ollada a esta fermosísima web sobre Troia), guía de pronunciación dos nomes, fondos de escritorio, etc.
E por último, unha delicatessen. A versión a todo color para Ipad (de momento só en inglés e dos primeiros fascículos), por 0,79€ cada un.
Unha obra obrigada para as bibliotecas dos nosos centros. Esperamos que o editor español se anime cos seguintes volumes e poidamos desfrutar deles canto antes (e que se anime Eric tamén e remate os que lle faltan!!)
1 comentario:
Parece una obra muy interesante, ambiciosa y bien realizada. Gracias por darla a conocer.
Saludos
Publicar un comentario