23/5/14

Vae Grammaticis!!

Coa procastinación á que invitan o paso dos anos e as máximas do esporádico Pompilos (porque lonxe das esixencias de inmediatez doutros medios, aquí un escribe cando quere e do que lle peta), falamos hoxe das xornadas dos .com que tiveron lugar en Málaga hai un par de semanas, e das cogitationes que nos suscitaron antes, durante e despois das mesmas.

Acudín a Málaga en calidade de Legatus de SEECGalicia e demais entidades organizadoras de Odisea, para intentar sumar máis sedes para o Concurso, atendendo así á invitación que me fixo en Sagunt Antonio González Amador, un dos organizadores do evento, no acto de homenaxe a Juanvi, a quen estaban dedicadas estas xornadas e que estivo con nós en todo momento. A falta de confirmación oficial semella que a misión encomendada rematou felizmente e que na edición 2015 poderemos contar con novos compañeiros para a nosa singladura, probablemente Andalucía, La Rioja e Extremadura.

En canto ás xornadas propiamente ditas non podo falar do venres, xa que cheguei pola noite. Segundo os comentarios dos colegas que si estiveron presentes esa tarde, a intervención de Pedro Olalla, co seu vídeo "Por qué Grecia", para algúns levantou admiración, para outros foi máis repetitiva que un servidor dando un curso de Moodle. Máis unanimidade de xuízo despertou a conferencia de Manuel Carrillo e Francisco Cortés, "Somnus, desarrollo de Almedinilla", co seu espectáculo de música e pantomina romana, que asombrou a moitos dos asistentes.

O sábado foi o turno para dous profesores de grego de Valencia, Mario Díaz e Santi Carbonell, que nos presentaron dous máis que interesantes libros de grego, Τὸ Ἑλληνικὸν παιδίον. Edición actualizada de A Greek Boy at Home e Διάλογος. Prácticas de griego antiguo), ámbolos dous con cd de audios incluído, na senda dos principios do chamado "método activo", o denominador común de todas as intervencións de esa mañá, xa que logo seguiu o profesor británico John Hazel, cunha conferencia enteiramente en latín, na que nos contou a historia da súa asociación, con tempo tamén para entonar unha canción que o veciño da fila de atrás cantaba emocionado de principio a fin. Claro que este veciño non era outro que Luigi Miraglia, que vén a ser ao "Latín vivo ou Latín falado" como Mick Jagger ao "rock and roll". E para un neófito coma min neste tipo de espectáculos non decepcionou, pois un non está acostumado a escoitar falar en latín a máis velocidade da que a maioría dos mortais poden falar na súa lingua nai (e iso a pesares de que o show non foi tan animado como o doutras veces, no que, según contaban os entendidos, chegaba ao extremo de tirarse polo chan)

O domingo pola mañá estivo cheo de actividades, recollidas e detalladas no programa: presentación de un videoxogo sobre a Ruta Betica Romana, Libertus, unha interesante app sobre mitoloxía, Tics con Ana e Carlos, que me cederon amablemente media horiña do seu tempo para presentar Odisea, varios talleres dos Ludi Saguntini e de teatro clásico, xogos en latín e en grego...

E como sucede sempre neste tipo de encontros, un ten o pracer de poñerlle cara e corpo real a moita xente que xa coñecía do mundo virtual,  como a @latinategua, @FJavier_Sanchez,  ou  ‏@maiteximenez, coa que, para sorpresa mutua, case estou emparentado!

No convivium apud sodales, nunha noite malagueña a rebosar pola celebración da noite en branco, con case 200 actuacións de todo tipo espalladas polas rúas e prazas e cunha temperatura envidiable para un galaico, falamos, para variar, da didáctica do latín e o grego, do método activo, pasivo, medio, transitivo e intransitivo. Departíamos sobre esta nova maneira de ensinar que esixe tamén unha nova forma de avaliar. Discutíamos da arte da tradución e da puerilidade das preguntas de compresión, das maldades da gramática e desa escura e inconfesable perversión á que coñecemos coma análise morfosintáctica.

Malos tempos para estas disciplinas: Fonética, Morfoloxía, Sintaxe, semellan agora as culpables de todos os males. Porque podemos xogar cos Playmóbil, cos teléfonos, podemos xogar ao asasino en latín, ao trivial, facer vídeos de Caperula Rubra, aprender como se utilizaban as letrinae ou facer un garum caseiro, pero "vae Grammaticis!" Ai do que intente explicar unha subordinada! (ben sexa mediante análises hiperbóreas ou cos taimados corchetes: vade retro!)

O tempora, o mores! (que alguén traducía como "o tempo dos mouros"...). Hoxe, os profes de Clásicas estamos na obriga de ofrecer un produto atractivo para os nosos alumnos, que se axuste aos seus gustos e preferencias, so pena de sufrir a súa apatía ou desinterese, coa ameaza latente da elección doutra asignatura (e quizais é esta unha das razóns da nosa forza, do noso dinamismo na rede). Temos que ser innovadores, temos que ser divertidos, simpáticos, amenos, ofrecer actividades extra, viaxes, excursións. A realidade de que o estudo das nosas materias (en realidade calquera estudo) implica tamén tedio, repetición, memoria, esforzo e sacrificio persoal, mellor agochala, disimulala, que no se vexa, que non se note. Que non se diga por aí que en Latín e Grego hai que estudiar, facer traballos, exames (e, ás veces, ata aburrirse).

Para min todas as iniciativas son válidas, todas aportan algo, non é cuestión de pechar portas, senón de abrilas. Cantos máis recursos, canto maior sexa o abano de actividades que temos á nosa disposición, mellor. Benvidas sexan as dramatizacións de pequenos relatos en latín ou grego, (en clase, en vídeo ou por escrito), as preguntas de comprensión lectora, os exercicios de encher ocos, os novos "listening", os talleres, os xogos. É certo que houbo un tempo, felizmente superado, no que o ensino das linguas clásicas era estrictamente gramaticalista, onde apenas se estudiaba outra cousa que non fosen paradigmas: declinacións e conxugacións. Os temas de Cultura estaban nos libros, pero nin se tocaban. Traducíamos frase a frase, e de falar en latín ou en grego, nihil de nihil.

Pero vexo que agora, en nome destes métodos "naturais" ou "directos", que pretenden ensinar o latín e o grego coma linguas vivas (como linguas que son, en definitiva), calquera actividade gramatical caeu en desgraza, xa non é "cool". Non esquezamos que este tipo de métodos proceden en boa parte do mundo anglosaxón. É lóxico que neses lares a fonética latina ou a morfoloxía no lles dea tanto xogo como nos pode dar a nós, falantes de linguas neolatinas.

Pero eu non podo refutar a crenza de que o galego vén do castelán e non do latín se non o explico as regras fonéticas que nos levan dende cunicŭlum a coello e conejo. E sigo pensando que o coñecemento da morfoloxía verbal latina é un instrumento moi valioso para explicar os sistemas verbais doutras linguas romances, como tamén o é a morfoloxía pronominal. Queixámonos a miúdo de que os nosos alumnos redactan mal, pero unha boa compresión dos mecanismos sintácticos da coordinación e subordinación mellorará sen dúbida estas capacidades, "competencias" que lle chaman agora. Tamén dicimos que un adolescente manexa un número moi limitado de palabras. O estudo da composición e derivación culta, prefixos e sufixos, sen dúbida ampliará o seu léxico, descubrindo matices e significados que antes ignoraba.

E os exercicios de compresión lectora poden ser moi válidos, pero un par de escalóns por debaixo dun exercicio de tradución, unha arte, como ben dicía Carolus Lusitanus. La palabra precisa, la sonrisa perfecta... "Una cosa son peras y otra son manzanas" que diría Ana Botella.

In medio virtus, comentaba Fernando Domenech, @domenechino, na noite de onte, na cea que tivemos con @sandromaca, a artifex da impresionante nova páxina web de SEECGalicia. E este podería ser tamén o resumo da miña opinión neste debate, porque se, co furor dos conversos, nos pasamos ata o outro extremo, o máis seguro é que privemos aos nosos estudantes dunhas actividades que sen dúbida poden aportarlles tanto ou máis que as outras. Porque a Gramática, na súa xusta medida, é sempre un valor engadido na aprendizaxe de calquera lingua. Viva, morta ou en conserva.

* Todo este debate pode (e debe) ser seguido nas entradas e comentarios de:



3 comentarios:

Carlos Cabanillas dijo...

Huyamos, Álvaro, del vicio maniqueísta que nos persigue: efectivamente ni la gramática es la culpable de todos los males, ni el método "natural" es solo jugar con playmobil. Mis alumnos aprenden, o eso creo yo, tanta o más gramática ahora con el método natural que antaño con el método gramática-traducción.
La cuestión, en mi opinión, está en el punto de partida y en el objetivo: no podemos partir de la gramática, ni hacer de ella el eje de la actividad en el aula, con esos análisis hiperbóreos y encorchetados a los que me refería, ni mucho menos convertirla en el criterio principal de nuestra evaluación.
Hay que partir de la lectura y comprensión de los textos y, a partir de ahí, asentar los contenidos gramaticales. In medio virtus, como bien decía Fernando, pero también hay que buscar la virtud en el principio y en el fin.
Mis dudas y reflexiones, en definitiva, no se referían a qué enseñamos, sino a cómo lo enseñamos, al método.

Susana Losada dijo...

Pois este dilema da gramática é algo que a min tamén me precupa. Voume introducindo lentamente no método "natural", pero non consigo prescindir de explicacións gramaticais que poden resultar tediosas. E xa en 2º de BAC recoñezo que non consigo prescindir do estudio morfolóxico, moitas veces minucioso, e de análises sintácticas, talvez encorchetdas, para que os meus alumnos poidan traducir a Xenefonte... o salto aos textos literarios é bastante complicado.

tokoritsi dijo...

Estoy de acuerdo con tus pubtualizaciones sobre los métodos comunicativos. Por cierto, que si nuestro objetivo es el de toda la vida, no se nos debe olvidar que nosotros queremos comunicarnos nada menos que con los autores clásicos. La cuestión no es prescindir totalmente de la gramática, pues llegados a cierto nivel, todos los profesores de lenguas flexivas tienen que hacer mención de alguna manera a ella. Creo que lo que falla en España tanto en la enseñanza de idiomas como en la de lenguas clásicas y nuestra propia lengua materna es la enseñanza del uso de la lengua. A la mayoría de los profesores parece importarles más que el alumno sepa la denominación técnica precisa de un pronombre que el que sea capaz de apuntar a qué se refiere y poner más interés en que sepa poner la tilde en la esdrújula de turno que
en que asimilado su significado y el contexto en que se usa.