12/1/15

O Amor en Grecia e Roma - Odisea 2015

Chega a nova edición de Odisea, o concurso en liña de cultura clásica que comenzou a súa andaina naquel lonxano ano de 2006 e que neste de 2015 cumprirá a súa décima singladura en terras galaicas. Dez anos xa de navegación que nesta ocasión nos levará polos dominios de Eros, pois o fío condutor que dirixirá o noso periplo non é outro que o Amor en Grecia e Roma.

Nesta edición, a máis numerosa en canto ao número de seccións implicadas, damos a benvida ás novas sedes que se incorporan ao concurso: as seccións da SEEC de La Rioja, Extremadura, Cádiz, Córdoba, Granada, Málaga e Sevilla, que se unirán ás xa veteranas Galicia, Valencia-Castellón e Alacant, Aragón, Valladolid,  e a Associació de Professorat de Llengües Clàssiques de Catalunya, APLEC.

A inscrición, a piques xa de pecharse, estará aberta ata o 23 de xaneiro, e o concurso desenvolverase entre os días 26, 27, 28 e 29. A final entre os vencedores das fases autonómicas terá lugar o 11 de febreiro (ver calendario completo)

Dende o MGB haberá unha nutrida representación, debida en parte ao renacemento da asignatura de Cultura Clásica no noso Centro, que de non existir pasou a ter un número aproximado de 60 alumnos, con 2 grupos de 3º de ESO e outros 2 de 4º (e non, non foi cousa de meigas, só produto dunha xubilación e a conseguinte extinción da optativa de "Artesanía").

O xoves día 29, día do preguntón, teremos reservadas a Biblioteca e as salas de informática, e loitaremos toda a mañá por resolver o enigma. Una actividade máis, recollida na programación, e con rango de "Actividade Complementaria". Contamos ademais cos nosos propios premios, como xa fixemos recentemente na Odussia Cluniense, onde un grupo da ESO puido con os temidos rivais de 2º de BAC, que a priori parten como favoritos, pero terán que demostralo...

Así que aí estarán, entre outros, os seguintes equipos:
  • GRUPUM NÓS
  • KEPA´S TEAM
  • MILONGUITOS
  • PUELLAE SEPEHRI
  • ROMULUS
  • LIADI
  • INVICTUS
  • ALVARI ANGELAE
  • SCIO
  • VELIS NOLIS
  • PLUS ULTRA
  • COLISEUM
  • SAPIMUS

No hay comentarios: