26/11/14

Odussia Cluniensis

O pasado martes 18 de novembro os alumnos de Latín e Cultura Clásica do MGB fixemos unha visita á Coruña romana, concretamente ao museo do Castelo de Santo Antón e á Torre de Hércules.

No primeiro, do que xa fixeramos este vídeo, realizamos unha pequena Odisea, a nosa Odussia cluniensis particular, a modo de preparación da Gran Odisea que será a nova edición 2015 e que traerá ao concurso a novas sedes como Andalucía, Extremadura e La Rioja, sendo o Amor o fío condutor.

Esta parva Odusia consistiu nun pequeno cuestionario, onde só se podía responder cunha palabra, como no Concurso. A novidade era que os alumnos respondían in situ, dende os seus teléfonos móviles.

As preguntas eran breves e sinxelas, xa que había alumnos dende 3º de ESO ata 2º de BAC., e seguían o modelo de Odisea: contestar cunha soa palabra, en latín se o pide o enunciado, etc. Intentouse tocar todos os paos: mitoloxía, ritos funerarios, vida cotiá, relixión. Houbo tamén doces premios para os mellores (e todos foron para as alumnas de 4º de ESO!) Velaquí un exemplo.
  1. A que deuses fai referencia a abreviatura D.M.S. presente en moitas estelas funerarias? MANES
  2. No museo do Castelo de San Antón podemos ver unha pequena e valiosa estatuíña de bronce de un deus que suxeita unha bolsa, un dos seu atributos, xa que era o deus que protexía aos viaxeiros, comerciantes e mesmo ladróns. De que deus se trata? Contesta en latín. MERCURIUS
  3. Era un deus guerreiro dos galaicos, que tivo unha gran popularidade entre os pobos lucenses, sendo así un dos deuses máis venerados de Gallaecia. Nunha igrexa de Sada atopouse unha ara dedicada a el. COSO
  4. Sen dúbida a estela funeraria que máis chama a atención é a dun home que sobrepasou os 100 anos. O seu nome era... VICTORINO
  5. A que deusa ofreceu un Ara Xulio Plato? FORTUNA
  6. Obxetos metálicos empregados para unir prendas de roupa, desempeñando a función de botóns na época romana. Contesta cunha soa palabra en latín (nominativo plural) FIBULAE
A ferramenta utilizada foi un complemento de Google Drive, Easy Quiz. Permite crear exercicios autocorrexibles e que o alumno recibe e pode contestar dende o seu correo de gmail. Unha vez que remata a actividade o Profe envía as cualificacións a cada alumno de xeito automático, dende o propio correo e mesmo con retroalimentación para cada pregunta.

Todo este proceso está perfectamente detallado nesta páxina, vídeo-titorial incluído. Só unha advertencia, as maiúsculas e minúsculas son pertinentes, así que teremos que advertir disto ao alumno no enunciado das preguntas.

Na Torre de Hércules tivemos unha visita guiada, así que nos limitamos a escoitar as explicacións da guía, malia que os alumnos de 2º BAC e máis eu non estabamos moi de acordo coa etimoloxía do topónimo, que fixo derivar dunha muller chamada Clunia, a mesma que sae na porta verde que se pode ver ao final deste vídeo-reportaxe, en actitude, digamos amistosa, ante o poderío do heroe.

No hay comentarios: