13/6/19

ABAU Galicia 2019. Eutropio. O emperador Nerón.

OPCIÓN A ABAU XUÑO 2019 GALICIA - EUTROPIO, "O emperador Nerón".

9/4/19

Olimpíada de tradución de textos Clásicos

O pasado xoves 4 de abril, na facultade de Filoloxía da USC, as alumnas de 2BAC Patricia Riveiro, Alexandra Gambino e Carlota Goldar, participaron nas probas de tradución de grego, dentro da V Olimpíada de tradución de textos clásicos organizada por SEECGalicia.

A festa de entrega solemne de diplomas a todos os participantes e de premios aos tres primeiros clasificados en cada modalidade terá lugar o próximo 15 de maio na mencionada Facultade de Filoloxía.

26/3/19

Bacantes, por Noite Bohemia

Ourense, 26 de marzo de 2019, Festival grecolatino organizado por SEECGalicia.

Espectacular representación das "Bacantes" de Eurípides, a cargo do grupo de teatro NOITE BOHEMIA, das mellores que pasaron polo festival nestes últimos anos (por algo foi o 1º Premio Nacional XII Concurso Nacional de Teatro Grecolatino organizado polo Ministerio de Eduacion e Cultura en Teatro Romano de Mérida (2017) Modalidade: Traxedia)

Sobresaliente en todo: montaxe, escenografía, dirección, actores, vestiario, paisaxe sonora.




En canto ao Miles Gloriosus de Plauto (se é que quedaba algo de Plauto aí), realmente era necesario poñer a banda sonora de Heidi?

4/2/19

Non hominis nomen. Lectura sobre Cicerón con preguntas.

No famoso libro El latín ha muerto ¡Viva el Latín! de Wilfried Stroh, Ediciones del subsuelo. páxs. 59/78, podemos atopar un capítulo enteiro dedicado a Cicerón: non hominis nomen (sed eloquentiae, que diría Quintiliano)

Partindo dunha lectura atenta do mesmo engadín ao final unhas preguntas para o noso alumnado. Espero que vos poida ser de utilidade.


8/11/18

Transmisión literaria (un pouco de Filoloxía)

A raíz dunha nova publicada na Voz de Galicia no mes de outubro, e inmersos como estamos na edición da nosa nova páxina web, xurdiu a idea dunha visita a Santiago para coñecer de primeira man o "Libro de Horas de Fernando I", un códice do ano 1055, anterior ao Códex Calixtinus, 

Esta mañá fomos recibidos por Javier Villar, bibliotecario da universidade, que nos deu unha amena charla, primeiro sobre a "Biblioteca de América" e o seu fundador, e logo, xa entrando en materia, sobre a fascinante historia da transmisión dos textos, a aparición da imprenta, os incunables, códices, papiros e pergameos.

Como mostra dos tesouros que se gardan nos fondos da USC, tivemos a ocasión de ter na nosas mans a edición fácsimil do orixinal de 1055 do Libro de Horas de Fernando I (o orixinal está gardado en cámara acorazada). Unha preciosidade que ademais é único, non só pola súa Antigüidade, senón tamén por ser dos poucos que nos dan información sobre os seus autores: o copista Petrus, e o iluminador, Fructuosus.

Nesta ligazón podemos obter unha versión dixitalizada do mesmo.

A raíña Sancha de León encargou a monxes, amanuenses e iluminadores, un Libro de Horas como regalo ao seu marido, o rei Fernando I de León. Feito en vitela, pel de animal recén nacido, adornado con 280 capitais e 3.500 iniciais en vermello e ouro. 226 folios.

Máis imaxes neste album de Flickr.



25/9/18

Curso 2018/19. Et in Arcadia ego.


Despois dun ano de parón (mental) retomamos este espazo cos datos que nos pedía nunha enquisa hai uns días Daniel Lagoa, en representación do grupo Escuela con Clásicos.

Pero antes unha ilustración do xenial Dávila, que ilustra á perfección o entusiasmo do noso colectivo ante o reto dun novo curso escolar.



Publico aquí polo tanto a situación actual das Clásicas no MGB da Estrada, unha especie de Arcadia Feliz Curricular, pero que podería desaparecer en calquera curso futuro (et In Arcadia Ego).

Estes son os meus grupos, 19 horas semanais de clase:

  • Latín 4º de ESO no grupo de 4 ESO B > 23 alumnos
  • Latín I nos grupo de 1º Bacharelato C > 11 alumnos
  • Latín II no grupo de 2º Bacharelato B e C > 13 alumnos
  • Grego I no grupo de 1º Bacharelato B e C > 9 alumnos
  • Grego II no grupo de 2º Bacharelato B e C > 3 alumnos
** A Cultura Clásica de 3ESO, dous grupos de 15 e 18 alumnos respectivamente, é impartida polo Departamento de Historia, como vén sendo habitual nos últimos anos.

E si, lestes ben, pode impartirse GREGO II con 3 alumnos. Non esixía pedir máis profesorado e era a continuación académica dunha asignatura xa impartida no curso anterior. Eses foron os razonamentos da Administración e non vou ser eu quen llos discuta. Empatía total.

2/6/17

Qui fert malis auxilium post tempus dolet

Qui fert malis auxilium post tempus dolet.
Phaedrus IV, 20

Nunca pensamos que esta fábula de Fedro, que xusto acabáramos de traducir en clase, tivera tanta forza para ilustrar o acontecido no MGB nas dúas últimas semanas.

Esta é a crónica dos feitos, unha vez que os posos van quedando no fondo. A crónica dun magister e dos seus discipuli.

Magister


Xoves, 18 de maio: Xefatura de Estudos advirte da posibilidade de que os alumnos accederan a algunha conta de correo do profesorado de 2ºBAC dende os ordenadores das aulas. Anuncia unha denuncia perante a Garda Civil.


Venres, 19 de maio: vólvese insistir nun correo-e na necesidade de que cambiemos os contrasinais (logo saberíamos que este correo tamén foi hackeado e exhibido como trofeo)


Luns, 22 de maio: Claustro extraordinario. Se nos informa con detalle de todo o sucedido. Algúns compañeiros case non durmiron a fin de semana. Analizan a información conseguida e confírmanse todos os rumores. Alguén instalou un keylogger en todos os ordenadores de aula de 2BAC, algúns de 1BAC, 4ESO e sala de informática. Unha simple extensión do navegador. Non se necesitan coñecementos especiales de informática. Simplemente buscar extensións/complementos, teclear keylogger e elixir o que mellor nos pareza. En Chrome temos 3 á nosa disposición.




Un deles presume das maravillas que podemos facer espiando á nosa parella.


Javascript KeyLogger
Isn't it frustrating when you forgot what you typed into YouTube to get that awesome cat video? Or maybe you just want to spy on who your girlfriend chats with from your computer. Or maybe you just wanna hack into your friend's Facebook account *wink* *wink*


O funcionamento é moi sinxelo. Unha vez instalado rexistra todo o que se teclea: nomes de usuario, contrasinais, mensaxes completas. Todo. Para ver que pescamos só temos que lanzar a extensión, pulsar unha combinación de teclas e ¡ecce omnia!


O Claustro continúa. O hackeo é masivo, entraron en varias das nosas contas, no correo do Centro, no da Xunta, nos correos persoais, no Xade, nas Aulas Virtuais. Mesmo chegan a informes médicos, nóminas.


E por suposto, exames.


Cotéxanse días e horas de acceso e IPS. Entran nos recreos, ou cando faltan 5 minutos para entrar. Entran dende a propia aula, pero tamén dende a súa casa. Crense invisibles pero deixan moitas pegadas. Demasiadas. Hai varios identificados. A unidade de delitos telemáticos da Guardia Civil ten xa todos os datos. Eles continuarán a investigación. Estamos a falar dun delito tipificado no código penal.


Esperan os meus alumnos de 2BAC. Queren darme unha sorpresa. Cóntolles o que acaba de suceder, que aínda o estou procesando. Pregúntolles se sabían algo. Din que si, que se enteraron o venres. Vemos o vídeo que me fixeron e rimos todos xuntos. Non somos conscientes de todo o que pasa.


Pola tarde avaliamos. Intento, intentamos, ser xustos e obxectivos. Aínda non sabemos o verdadeiro alcance de todo.


Martes, 23 de maio: chega ao correo a listaxe dos profesores hackeados. Cría que estaba a salvo, porque sempre levo o meu portátil. Pero, aiii, un día en clase de 4ESO non ía a Wifi e entrei unha soa vez no ordenador dunha aula de 2BAC. Suficiente. Estou na lista. Estamos case todos. Saben nome de usuario e contrasinal do meu correo do centro. Poden acceder a informes de Titores, a exames enviados á fotocopiadora. Empezo a lamentar ser tan descoidado.


Mércores, 24 de maio: saímos na Voz de Galicia. 2º Claustro extraordinario. Saen á luz capturas de pantalla de redes sociais onde os autores dos feitos se mostran abertamente orgullosos das súas fazañas e obteñen a cambio numerosos likes e megusta. Cada vez empeza e estar máis claro que case todos, ou todos os alumnos, o sabían. Era vox populi. E dende hai moito. Meses. Hai quen di que quizais vén xa do ano pasado.


Indignación xeral polas palabras do delegado do goberno na prensa, onde el mesmo da xa por resolto o caso, reducíndoo a un mero problema escolar. Despacha rapidamente o asunto cun dictame sui generis: un castigo académico "pero no excesivo". Ignora ou despreza que están abertos 3 expedientes por parte de xefatura de Estudos e el non forma parte da súa instrución. Esquece tamén as denuncias anunciadas polo profesorado perante a Garda Civil.


O Claustro ten que votar se o centro vai manter o acto de despedida dos alumnos de 2ºBAC. Ninguén se sinte con gañas de celebración, nin de discursos, nin de aplausos, nin de entrega de diplomas, nin de fotografías para o recordo. Case por unanimidade, con só 2 votos a favor de manter o acto e varias abstencións, o Claustro decide que non se vai facer cargo da organización do mesmo.


Xoves, 25 de maio: somos portada xa de Faro de Vigo e Voz de Galicia. Os alumnos crean unha plataforma en change.org a favor de manter o acto. Pola tarde xa estamos no País. A última hora entra en xogo a Federación de asociacións de pais e nais de Pontevedra (FANPA), cun comunicado onde se nos acusa, entre outras cousas, de neglixencia profesional, de utilizar contas persoais en horario lectivo e de calumniar a familias inocentes. O do cambio climático queda para outra ocasión.


Venres, 26: a Voz de Galicia publica que a asociación de pais do Centro pide información sobre todo o sucedido e que algún pai vén de publicar en Facebook unha carta aberta para que non paguen xustos por pecadores e se manteña o acto de final de curso. Ao final parece que os propios pais vanse facer cargo da organización do mesmo. Os alumnos están divididos. Algúns van ir e outros non queren celebrar nada en compaña dos autores dos feitos, así que festexarán por separado.


Luns, 29 de maio: empezan os turnos para ir declarar ao cuartel da Garda Civil. Imos de 3 en 3. O meu turno é ás 12:30 da mañá. Coincide coa enésima reunión na sala de profesores. Chegamos un pouco máis tarde e respondemos todos ás mesmas preguntas do formulario de denuncia. Contamos o que sabemos. O asunto queda sub iudice.


Martes, 30 de maio: reunión outra vez no 2º recreo. Fartos xa de recibir ataques na prensa e redes sociais, emitimos por fin un comunicado na páxina web do centro, onde facemos un resumo de todo o acontecido ata o día de hoxe. Volvo a ver aos meus alumnos de 2BAC. A maioría da clase non foi ao acto e celebrou por separado. Confesan que o sabían dende hai tempo, pero que non se atreveron a dicilo. Están arrepentidos. Saben que non actuaron como debían. As miñas alumnas de 1BAC que ían ser presentadoras tamén renunciaron a facelo.


Mércores, 31 de maio: como vén sendo habitual, reunión no recreo. Esta vez para notificar a resolución do terceiro expediente aberto ao alumnos. Estamos xa cansos deste tema. Queremos pasar páxina. Aprender do sucedido.




Discipuli et discipulae


A gran maioría dos alumnos estábamos enterados do do hackeo dende febreiro, máis ou menos. Pero non coñeciamos a magnitude do problema, pensabamos que se limitaba a coller exames e ver as notas no xade. Algúns alumnos platexámonos a posibilidade de confesar o que estaba ocorrendo, pero non o fixemos por medo.


Xoves, 18 de maio: algúns dos alumnos e alumnas recibiron un whatsapp co correo que Xefatura de Estudos lles enviara aos profesores do centro. Foi nese momento cando moitos dos alumnos e alumnas se decataron de que todo se ía descubrir, pero só os exames, pois aínda non sabiamos nada do resto...


Venres, 19 de maio: Cada vez ese rumor estaba máis e máis extendido. Comezaba tamén a aflorar o sentimento de culpa por ter calado, por non contar antes que algúns alumnos estaban roubando exames…


Luns, 22 de maio: Os alumnos de latín fómoslle a dar unha sorpresa ao profe cun vídeo feito por nós para despedirnos, para que tivera un bo recordo do curso. Nese momento contounos o que estaba a suceder e a magnitude do problema, xa que os alumnos mesmo entraron a mirar documentos persoais e partes médicos. Nós explicámoslle que esa última parte non a sabiamos e que críamos que só chegaran a coller exames.


Martes, 23 de maio: Os alumnos e alumnas baixamos aos institutos para buscar as notas de final de curso. O panorama cambiara totalmente. Despois de empezar a semana cunha charla da xefa de estudos, os profesores desconfiaban xa de todos nós. Polos corredores, virábannos a vista, non nos saudaban, mesmo algúns acusaban e enfadábanse con calquera alumno de 2ºBAC. Foi neste día cando se abriron os expedientes dos principais implicados. Pero o castigo tivémolo todos.


Despois de clase, na casa, cando estabamos “a salvo” das miradas de decepcón dos mestres, chegounos un correo do magister. Mandábanos un poema, axeitado para a situación. Comezaba o reflexo do que pasara eses días no instituto na rede, a través das redes sociais, co envío de correos e a aparición de artigos da prensa. Agora estabamos a ver que todo o que acontecera durante parte do curso era algo bastante gordo. E as consecuencias ían recaer en todos.


Mércores, 24 de maio: Comezamos a saír nos periódicos. Estabamos  todos moi preocupados polo que estaba ocorrendo e cada vez estabamos máis arrepentidos por non dicir nada no seu momento.


Esa tarde, os alumnos de latín de 2BAC recibimos un novo correo do noso magister, moi longo e moi duro, no que nos contaba que el era un dos afectados do hackeo e que había material de latín entre os exames roubados. Pediunos que dixésemos o que sabiamos e se fóramos nós os que lle entramos. Ademais, díxonos que en principio non íamos ter clases de latín e grego para repasar selectividade. Pero o que máis nos doeu foi que, tras tantos anos xuntos, puidera pensar que foramos nós os que lle entraramos no correo. Fíxonos sentir moi mal e deixounos moi abatidos. Comezamos a falar entre nós para baixar ao instituto a falar con el para que soubera a nosa versión e non pensara que estábamos metidos.


Estes días os profesores, comprensivamente, estaban enfadados e, aínda peor, decepcionados con nós. Non sabían quen eran culpables e quen non, polo que tratábannos a todos por igual. Seguía habendo profesores que non nos saudaban polo pasillo ou nos viraban a cara, facéndonos sentir moi culpables. A culpa empezaba a consumirnos, tiñamos que haber dito algo dende un principio.


Xoves, 25 de maio: Máis e máis novas nos xornais… Molesta. Non nos gusta estar en boca de todo o mundo, doe ir pola rúa e que che pregunten polo que pasou… Doe especialmente a pregunta dese día por excelencia: “Vai haber acto?”. A resposta era dobre; para algúns si, e para outros non. Algúns dos alumnos de bacharelato, uns 30, máis ou menos, decidimos non ir a un acto hipócrita. Ademais de que un acto sen profesores non merece a pena, non ten sentido…


E o colmo xa foi cando saíu no xornal unha nova na que se entrevistaba a dúas persoas que se decidiran encargar do acto (e que seguimos sen saber moi ben por que xa que non teñen nada que ver co instituto…) e no que falaban sobre o acontencido, o inxusto que era que nos castigaran sen acto… E eles que saberán? Como poden falar sobre algo que do que non saben? Dounos moita coraxe.


Todo o que estaba ocorrendo impedíanos concentrarnos e estudar para selectividade, queríamos que todo acabara xa.


Venres, 26 de maio: (graduación) Se era grande a división que se creara entre alumnos e profesores, a desconfianza, o enfado xeral… agora, o alumnado estaba tamén dividido. Dende que sabiamos que o acto de despedida se cancelara definitivamente, todos os compañeiros agrupáranse en dous “bandos”: algúns querían facer o acto a toda costa, porque o consideraban moi importante, tanto para eles como para os pais, e prepararon, coa axuda destes últimos, unha serie de actuacións para representar no teatro e despedir o curso. O outro sector do alumnado, no que nos incluímos, non quixemos acudir. Pensabamos que se trataba dun acto hipócrita, no que íamos ter que loubar aos culpables principais de todo o negativo que nos estaba a ocorrer; ademais, un acto de despedida consideramos que era para despedirnos dos profesores, e sin eles xa non tiña sentido facelo.


Mentres no Teatro Principal estaban os alumnos responsables do acto, os “bolxeviques” reunímonos nun bar. Sen pompa, sen actuacións e sen diplomas (excepto por uns diplomas preciosos feitos a man por unhas compañeiras que pagaron moito a pena). Case o único símbolo de acto de graduación foron os nosos traxes elegantes (que desentonaban con contexto do bar un venres calquera ás 8 da tarde) e uns diplomas de cartolina que repartimos entre os alumnos inconformistas jeje. Ao final acabamos reuníndonos con compañeirxs que acudiran ao teatro, na cea. Tivemos unha noite tranquila, sen problemas entre nós, e disfrutamos a nosa “Última Cea” como curso de secundaria.


Luns, 29 de maio: Algúns alumnxs da clase de latín fomos de novo a falar co noso profe. Pero ao ter clase, non puidemos falar moito tempo. Comentounos por enriba a idea dunha entrada conxunta no blog e quedamos o día seguinte para falar máis calmadamente nunha hora á que a maioría puidesemos asisitir.


Martes, 30 de maio: Baixamos catro dos alumnos de latín ao instituto. Contámoslle todo o que sabiamos, el explicounos como estaban as cousas polo centro. Ademais, falamos de que como fora a graduación e decidimos escribir isto. Acordamos tamén empezar coa preparación da Selectividade. Tempus fugit irreparabile.



4/5/17

Ludi Compostellani MMXVII

Onte estivemos na Facultade de Filoloxía de Santiago, con motivo da segunda edición dos Ludi Compostellani, organizados por SEECGalicia.

Tivemos a sorte de poder participar na xincana mitolóxica e nos obradoiros de Ciencia, Hoplitas e escritura, e quedamos con gañas de coñecer os de cociña, moda e taboíñas micénicas.

Dende aquí queremos agradecer á organización o seu traballo e felicitalos polo resultado.

Esperamos xa a nova edición desta actividade, con máis obradoiros e máis prazas, xa que este ano quedaron esgotadas aos poucos días.

2/5/17

A Anábase según Manfredi

Dende hai moito tempo veño empregando textos de novelas históricas ou ensaios como material didáctico para as nosas asignaturas.  E Manfredi nunca defrauda para estes cometidos.

Encadrada dentro do xénero da novela histórica máis comercial (historieta de amor chico-chica incluída),  "O exército perdido", unha recreación da Anábase de Xenofonte, ofrécenos unha gran ocasión para coñecer de xeito ameno a fabulosa aventura vivida e contada polo ateniense hai xa 2.500 anos.

Disfrutei tanto coa lectura da novela que agora estou lendo ao propio Xenofonte, comprobando con agrado como a maioría das tramas e sucesos que recrea Manfredi estaban xa no orixinal (menos Abira, claro...)

Deixo aquí unha selecta dos textos que me pareceron máis relevantes e de maior aproveitamento na aula, cunhas cuestións e actividades na última páxina.

Prosit!


6/3/17

El Cártel de Roma (Romae Societas)

Magister et discipuli MMXVII

O Grupo de Investigación "Estudos Clásicos e Medievais" da USC organiza, o próximo mércores, 8 de marzo de 2107, o curso "Magister et discipuli - Διδάσκαλος καἰ μαθηταί"no que falaremos do día a dia nas clases de Latín, Grego e Cultura Clásica.

O curso é de acceso libre e terá lugar na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, Aula D02, de 16:00 a 19:00 horas.


3/1/17

Democracia

Democracia é unha novela gráfica, cómic ou tebeo, publicada recentemente por Alianza Editorial, dispoñible tanto en formato ePub como en papel. Está firmada por Alecos Papadatos (autor), Abraham Kawa (autor), M.ª Isabel Soto (traductor), Alejandro Tobar Salazar (traductor) e conta cun prólogo a cargo do profesor Carlos García Gual.

Estamos en Atenas, ano 490 a. C., na véspera da batalla de Maratón. O protagonista da nosa historia, Leandro, arenga aos seus camaradas para a batalla do día seguinte contra un inimigo moito máis poderoso que eles.

Mentres chegan as primeiras luces da mañá, comeza a contar a súa propia vida, a vida dun home corrente, un adolescente fascinado pola pintura que pronto será requerido polo seu pai para empezar a ocuparse dos negocios da familia, o comercio de aceite. Para iso deberá acometer unha viaxe por mar rumbo ao Quersoneso Tracio, onde coñecerá a Hero, a sobriña do cliente que vai visitar, aspirante a sacerdotisa do oráculo no santuario de Delfos.

Cando regresa triunfante á súa Atenas natal, é testemuña do asasinato de Hiparco, o irmán de Hipias, en plena procesión das Panateneas. Nos tumultos que se suceden o seu pai é asasinado e Leandro debe fuxir da cidade, buscando refuxio en Delfos, onde se pon ás ordes dun amigo da familia, encargado do recinto sagrado.

Alí, dende dentro, pouco a pouco vai coñecendo o funcionamento do oráculo e as súas implicacións políticas, encarnadas nas astutas maniobras dun personaxe central da historia política de Grecia e do propio nacemento da democracia, Clístenes, o alcmeónida, que instrúe a Leandro na historia da súa cidade, recordando a labor política de homes como Solón ou Pisístrato e interpretando certeramente a reacción do pobo ante o que en orixe foi un asasinato pasional (Hiparco), pero que logo desencadenou a rebelión ante o Tirano Hipias.

Cando regresa a Atenas Hipias xa é pasado, un refuxiado máis na corte dos persas. A cidade debátese entre varios candidatos para maxistrado principal. Leandro comeza unha prometedora carreira como pintor de cerámicas e coñece á Hetaira Dánae. Iságoras gañas as eleccións e Clístenes propón un revolucionario sistema de división dos cidadáns en novas tribos, que achegaría a estes á igualdade real ante a lei, o que finalmente provoca o ostracismo para el e todo o seu clan. Un continxente militar espartano axuda a Iságoras a manter o poder, sumándose así á forza policial escita anterior.

Unha fáisca prende no pobo ateniense e comeza unha revolta que tingue de sangue as rúas da capital. Os partidarios de Iságoras e a guarnición espartana fanse fortes na acrópole. Tras o asedio da mesma, os espartanos acceden a irse e os cidadáns toman cumprida vinganza de Isócrates e os seus partidarios, aínda que este consegue escapar. Clístenes volve ser chamado a Atenas e pon en marcha o seu plan de reformas, berce dese novo réxime político que estaba a punto de nacer, a democracia. Mentres, os persas esperan na chaira de Maratón.

-------------------
No que respecta ao aproveitamento didáctico, a obra ofrece múltiples e variados puntos a tratar.

  • En primeiro lugar a xeografía de Grecia. Ademais das cidades de Atenas e Esparta, e o santuario de Delfos, a viaxe do noso protagonista ao quersoneso tracio, a mención aos escitas e ao Helesponto pode dar pé a un tratamento máis amplo das colonizacións gregas. Unha actividade interesante podería ser crear un mapa que inclúa todas estas localizacións mediante a ferramenta scribble maps, que nos permite partir dun mapa totalmente en branco, no que podemos fixar puntos, debuxar zonas, etc. (titorial en vídeo)
  • Dentro da cidade de Atenas temos o tema do urbanismo. Lugares como a ágora, a acrópole, ou o outeiro do Pynx, aparecen espléndidamente debuxados.
  • No apartado de mitoloxía topámonos coas historias de amor de Hero e Leandro, Orfeo e Eurídice e Eco e Narciso. Podemos pedir aos nosos alumnos que nos fagan unha presentación que recolla como a arte tratou estas historias ao longo dos séculos (na wikipedia teñen á súa disposición gran cantidade de imaxes de calidade e con licenza CC)
  • E xa que estamos falando de arte grega, que menos cunha mención a cerámica grega, a paixón de Leandro, onde poderíamos facer unha liña do tempo con Tiki-toki que recolla os variados estilos e pezas máis salientables da mesma.
  • O ciclo troiano aparece na pintura que Leandro fai na súa casa: Agamenón, Ifixenia, Orestes, o que nos levaría ao tema do teatro e a traxedia grega, xa que o propio Esquilo ten unha aparición fugaz na historia.
  • Tamén os deuses do panteón olímpico están moi presentes: Atenea, Apolo, Dioniso, a Gorgona. A ficción de presentar a estes deuses no mundo actual, nunha especie de aggiornamento mitolóxico, que para iso son inmortais, é algo que xa vimos na obra de Eddie Campell, Baco.
  • No apartado da relixión cómpre destacar as fermosas e detalladas ilustracións que case nos fan participar a nós mesmos na procesión das panateneas e os sacrificios realizados na acrópole. Neste punto podemos reflexionar sobre as turbias conexións e tráfico de intereses que aparecen entre o santuario de Delfos e os políticos atenienses, algo que non nos parece demasiado alleo ao mundo actual.
  • En historia e institucións merece especial mención a explicación das reformas de Clístenes e o ambiguo papel que xoga este personaxe. Intrigante, reformista, manipulador? Como se di glosario das páxinas finais "un enigma envolto en misterio e á súa vez parte doutro enigma". Pero tamén está Solón, Pisístrato, e os órganos de goberno de Atenas: a ecclesía, a boulé, o areópago, os maxistrados. E os persas, con Maratón abrindo e pechando a historia. Unha boa ocasión para aclarar a historia de Filípides, tal e coma nola conta Herodoto, e a de Tersipo (Plutarco)
  • Na vida cotiá, ademais das referencias ao comercio e á escravitude no personaxe de Gavrion, escravo da familia de Leandro, sobresae o personaxe de Dánae, a hetaira que seduce ao noso protagonista e agasalla con espléndidos symposion aos seus invitados. Ela mesma encárgase de revelarlle a Leandro as vantaxes e liberdades propias da súa condición.
Un bo aperitivo para o Concurso Odisea deste ano 2017,  que ten como fío condutor o tema "A política en Grecia e Roma".

Podedes ler outras reseñas sobre esta obra en:
pd: Neste vídeo de 4:51'' (dispoñible con subtítulos en castelán picando en configuración!) animado por TED-Ed, Melissa Schwartzberg, nos explica o verdadeiro significado da democracia en Atenas e as similitudes e diferenzas co que significa esta palabra no mundo actual.

23/11/16

Pupparum certamen MMXVI

Pupparum certamen MMXVI (mannquin challenge in anglicana lingua)

14/11/16

A transmisión da literatura grecolatina na prensa

A prensa e unha fonte inagotable de recursos para as nosas clases. Ademais dos latinismos, que nos deixan novos exemplos de uso todos os días, podemos atopar nas páxinas dos diarios excelentes materiais para a aula.

Para o tema da transmisión da literatura grecolatina deixo aquí esta relación de artigos e novas, que con toda seguridade seguirá crecendo no futuro.



  • En primeiro lugar, un artigo de El País, onde nos conta a historia duns textos recuperados a partir dun papiro calcinado pola erupción do Vesubio, a fascinante historia da Vila dos papiros.
  • Logo temos a rocambolesca historia do roubo e posterior recuperación dunha das xoias da coroa, o códice Calixtino. Podemos lela neste artigo de El mundo, ademais de enterarnos de que é un códice e da ímproba labor de copia nos mosteiros medievais.
  • E para códices famosos, que mellor que "O libro máis misterioso do mundo", que podemos ler no diario El País.
  • Para saber algo máis dos tipos de letra, un factor que tamén influiu na transmisión, atopamos esta lectura, "El monje de la mala letra", tamén no diario El País, sobre a historia, o presente e o futuro da caligrafía, da man de Ewan Clayton, un personaxe entre monxe medieval e gurú de Silicon Valley.
  • Outro factor decisivo na perda de obras literarias foron as guerras e catástrofes, que provocaron entre outros o incendio da Biblioteca de Alexandría (máis que un, varios deles...). Ben, pois aquí temos unha crónica da BBC na que nos conta o que a guerra actual do Estado Islámico está facendo cos restos arqueolóxicos de Palmira.
  • E falando de Alexandría, por qué non considerar esta Biblioteca o Google do século II a.C.? Isto é o que propón esta entrada de CanalHistoria.
  • Na cuestión do cambio de soportes, non está de máis volver a abrir o debate da loita entre o libro de papel e o libro electrónico, porque parece que o primeiro goza aínda dunha "mala saúde de ferro", como Churchill. Así o pensa e demostra con cifras e datos estatísticos Joseba Eola, dende este artigo de El País.
  • As labores dos copistas nos códices que poden ser a cuna do español, "Os cartularios de Valpuesta", neste artigo de El País.
  • E por último, para os instrumentos de escritura, a curiosa historia do bolígrafo, que resulta ser un invento moi recente, nin máis nin menos que de mediados do século XX. Lémolo na Voz de Galicia.
Imaxe dun rolo de papiro da Torá | Wikipedia

29/9/16

LLPSI - PENSA XIII-XXII para Moodle

O prometido é débeda, así que hoxe volvo ofrecer nesta entrada os Pensum A, B e C do Lingua Latina Per Se Illustrata (esta vez correspondentes aos capítulos XIII-XXII), a todos os profes que queiran inserir estas actividades nos seus cursos de Moodle.

Para iso só tedes que descargar este arquivo e logo seguir as instrucións que elaborei neste videotitorial ad hoc.

Intentarei resolver todas as dúbidas que teñades nos comentarios.

Pd: por se alguén necesita tamén os Pensum dos capitula I-XII, que publiquei nunha entrada anterior, pode descargalos dende esta ligazón.

* Imaxe de Oliver Tacke en Flickr

12/5/16

Pensa LLPSI I-XII para Moodle

Ola, quero ofrecer nesta entrada os Pensum A, B e C do Lingua Latina Per Se Illustrata, correspondentes aos capítulos I-XII, a todos os profes que queiran inserir estas actividades nos seus cursos de Moodle.

Para iso só tedes que descargar este arquivo e logo seguir as instrucións que elaborei neste videotitorial ad hoc.

Intentarei resolver todas as dúbidas que teñades nos comentarios.



pd: nos vindeiros días colgarei os pertencentes aos capitula XIII-XIII.

9/5/16

Catalibros. T1-E1. Naves negras ante Troia.

Comezamos na MeGaBiblioteca unha nova serie, Catalibros, e hoxe queremos presentar aquí o primeiro episodio, "Naves negras ante Troia", protagonizado por Nicolás Luna, un alumno de 4º de ESO de latín, que o ano pasado cursou Cultura Clásica.