17/5/07

OS PRIMEIROS "CENTAUROS DE OURO"

Estamos chegando ao final do primeiro curso escolar de funcionamento de CHIRON. Creo que non podemos esquecer que o destinatario último da súa creación foi, e segue sendo, o alumno; do mesmo xeito que a razón de ser do profesor é así mesmo o alumno.
CHIRON é un proxecto de moi longo percorrido, pero vai ben de cando en vez facer breves altos no camiño para reflexionar, recapitular e coller forzas.
Comentando con outros colegas chironianos, chegamos á conclusión que era o momento de poñer de relevo os logros conseguidos por algúns alumnos de bacharelato ao longo deste curso.
CHIRON, como grupo promotor das TIC no ámbito clásico, decidiu facer público ese recoñecemento, de maneira que o seu exemplo sirva de estímulo a quen veñan despois. Faino precisamente hoxe, día dedicado a Internet.
Así, outórgase un simbólico "Centauro de ouro" aos alumnos de segundo de bacharelato: Blai Server, de Pedreguer, Blanca Rodríguez, de Barcelona, e Marina Cervelló, de Castelló da Plana. Blai é o promotor da aparición de Nautica (a nova Musa dos blogs), e acaba de participar nun Premio de tradución de Latín e de Grego convocado pola Universidade de Alacant. Blanca, pola súa banda, regresou recentemente de Arpino (Italia), onde interveu como finalista no Certamen Ciceronianum, de tradución e comentario dun texto do orador romano. A ese acontecemento acudiu tamén Marina, de Castelló de la Plana, autora así mesmo do debuxo da Musa Náutica.
Os tres comezarán o próximo curso a Licenciatura en Filoloxía Clásica, e os tres participan, a través dos seus blogs e cos seus comentarios, dos ideais chironianos de divulgación e cultivo da antigüidade grecolatina a través das TIC.
Basten estes tres exemplos para darnos conta de que o futuro das clásicas está moi ben representado. A todos nos gustaría que estes alumnos comentasen as súas inquietudes, as súas ilusións, a súa paixón polo mundo grecolatino, etc. Quizá contribúan con iso a espertar futuras vocacións entre compañeiros seus máis novos.
O Centauro de ouro enviarase aos galardonados, para que poidan inserilo no seu blog.
¡Noraboa a todos! CHIRON desexa agradecervos deste xeito o voso esforzo.

No hay comentarios: