26/5/08

ARDE TARRACO, FUMEA LUCUS

Onte concluíron os actos da X edición das xornadas de divulgación histórica romana de Tarraco Viva, que tiveron lugar durante os días 15 a 25 deste mes de maio de 2008.
O programa, impresionante. Historia en acción: relixión e vida cotiá no campamento, loitas de gladiadores, cabalería, teatro, medicina, música, relixión, maxia, correos e vías de comunicación, ritos fúnebres, gastronomía, escritura, literatura, xogos, artesanía, caza, mitoloxía, epigrafía, lecturas eróticas, conferencias, exposicións, ciclo de cine antigo, pompa triunfal, mundo ibérico, celtibérico e grego...
Punto de encontro tamén para a X xuntanza de grupos de reconstrucción histórica romana, onde se deron cita grupos de Alemaña, Tarragona, País Vasco, Numancia. Grupos que investigan, se documentan, recrean vestiario e material orixinal, cun guión didáctico que contextualiza ditas reconstruccións.
Dende a blogosfera chironiana Calíope e as voces gregas xa nolo recordaban a semana pasada. Els dies de Dèdal falaba tamén da intención do Concello de Tarragona de impulsar a creación dunha rede europea de festivais de recreación romana, tal e como recollía o diario Avui.
Aquí na Gallaecia contamos con dous eventos de estas características, a "Festa do esquecemento" na Limia e o "Arde Lucus".
A primeira tivo a súa primeira edición no ano 2001, da man da asociación cultural Civitas Limicorum, e rememora todos os meses de agosto o paso do río Limia (Lethes) polo xeneral romano Décimo Xunio Bruto.
O "Arde Lucus" está organizado polo Concello de Lugo. Tiven a oportunidade de asistir na edición do ano pasado e neste ano volveremos no marco do noso proxecto dos "dous mil anos por correo".
Pero mentres en Tarraco se conta coa participación activa da universidade e de colectivos de recoñecido prestixio, ofrece teatro romano, conferencias, e todo tipo de actividades, aquí, en Lucus Augusti, a falta dun mes para comezar o evento, non hai nen sequera un programa colgado na web http://www.ardelucus.com/. As novas que saen na prensa falan da volta do "comilonum" aos pés da muralla e das preocupacións dos hosteleiros locais. Iso é todo.

E que non somos capaces na Gallaecia de saír da festa-romaría-gastronómica? non pode implicar o Concello de Lugo a entidades de prestixio, como universidades ou asociacións, que axuden na súa organización? non se poden contratar representacións teatrais, ciclos de cine, conferencias sobre a antigüidade romana? non se poden montar talleres que vaian máis aló do "tiro con arco"?

Había algún representante do Concello de Lugo na reunión de Tarragona? están invitados a participar algunha desas asociacións nacionais e europeas, especialistas na recreación histórica cun mínimo de rigor? ou van seguir contratando a eses pasa-rúas que botan lume e lanzan foguetes, e que tan pouco ou nada teñen que ver co mundo romano? van seguir montando un "macellum" onde se venden todo tipo de mercadorías sen relación algunha coa antigüidade? van facer unha comellada ao pé da muralla con churrasco e empanadas?
Gastronomía?, si. En Tarraco estaba KuanUm!, e había unha lista de restaurantes que ofrecían menús inspirados nas recetas do vello Apicio. E o mesmo en Sagùnt (onde, por certo, cuns medios moitísimo máis modestos son capaces de moito máis)

Non é cuestión de presuposto, é cuestión de organización, de ideas, de implicación dos distintos sectores da cultura, da universidade, dos centros de ensino, das asociación culturais, do mundo do teatro. Xa temos festa da lamprea, do lacón, do chourizo, do carneiro ao espeto, do pemento de Arnoia, do pemento de Padrón, do percebe, do mexilón, do marisco, da empanada, do pan de Cea, do pan de Neda, da bica, dos melindres, da costrada.

Fagamos cultura. Coñezamos o noso pasado. Ademais, estamos en plena "operación bikini..."

2 comentarios:

Luis Inclán García-Robés dijo...

A mí también me sorprende que, a menos de un mes, aún no haya aparecido el programa de 'Arde Lucus'...
¿Y si los de "Dos mil años por correo" montamos alguna cosa? Ya sé que es una tontería, porque antes nuestros alumnos estarán de exámenes, pero por decir que no quede.
Hasta entoncces, saludos cordiales.
Luis.

Anónimo dijo...

mira, eu non sei quen es, pero comame o demo!!! por fin alguén que dice algo con sentido. Totamente de acordo en todo. Eu polo menos fareime un vestido ou traxe ( que non disfraz) todo o riguroso posible que para enseñar as pernas teño todo o ano. Pouco a pouco...saudosssssss