9/3/10

Festival de teatro grecolatino de Lugo 2010

Onte os alumnos e profesores "Clásicos" do MGB asistimos ás representacións da primeira xornada do festival de teatro grecolatino de Lugo 2010, organizado por SEECGalicia.
Pola mañá o grupo de teatro Párodos, do IES Siberia Extremeña de Talarrubias de Badajoz, puxo en escea unha sobria versión de Electra, de Sófocles. Dadas as dificultades que presenta a montaxe dunha obra destas características, e máis ante un público de escolares, non podemos senón felicitar á súa directora Silvia Pérez Marco, polo grandísimo traballo dos seus actores.
Pero o punto forte deste grupo está sen dúbida na comedia. E así o demostraron pola tarde, facendo escachar coa risa aos case mil espectadores que ateigaban o Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
Incrible o que están conseguindo neste pobo de pouco más de 3.000 habitantes, ubicado na chamada Siberia Extremeña. Segundo nos confesou Silvia (aparte da súa admiración por Ricardo, director do grupo Parrocha, antes Sardiña), están conseguindo o que antes ninguén fixera: que a xente do pobo vaia ao teatro, e todos sabemos a pequena revolución que isto pode supor nunha vila destas características.
O espírito de Plauto estivo outra vez vivo en Lugo, cuns actores que non paraban de brincar e moverse por toda a escea (coas dificultades que isto lle supuxo ao fotógrafo...),  e un emprego da música maxistral, co aggiornamento habitual nestes casos pero coa novidade que supón a música en directo, xa que había partes onde cantaban os propios actores.
Noraboa a Silvia e a toda a compañía. Quizais na vindeira edición volvan pola Gallaecia! 
Déixovos cunha imaxe da representación de Cásina (Plauto). Tedes o álbum de fotografías completo en Flickr.





No hay comentarios: