O vindeiro luns os Centros de Galicia deixarán xa de ser un conxunto de corredores silenciosos e medio a escuras. O luns chegarán os alumnos deste curso 2011/2012, que comeza cos problemas inherentes a esta crise que nos invade (e non remata), por moito que para a Consellería todo entre dentro da máis estricta normalidade (se por normal se entende unha manifestación masiva do profesorado contra os recortes na Educación e os abucheos que recibiu o Conselleiro no pomposo acto de inauguración que perpetrou en Ourense).
Pero hai máis. Seguimos con esa absurda pretensión de que temos Centros "plurilingües", esa gran mentira que agocha unha gran verdade, e que sabemos ben os profesores: os nosos alumnos non dominan suficientemente o galego e o castelán, non teñen vocabulario suficiente e a súa expresión escrita deixa moito que desexar (pero claro, tampouco tiñamos cartos suficientes para unha "Cidade da Cultura", e aí está). Fai un sol de carallo.
Máis datos alentadores para o ensino público galego: dos preto de 86.000 alumnos de secundaria en Galicia, 26.000 pertencen ao ensino privado ou concertado. Pero, por qué, por qué, por qué? (que diría Mourinho...)
O IES Rosalía de Castro de Santiago, que vén de recibir un millón de euros da Consellería, foi o elixido polo Conselleiro para inaugurar o curso en Secundaria. Asegurouse ben non ir a calquera, non vaia ser que tivese que saír pola porta de atrás. Claro que os que vivimos nesta cidade moitas veces nos preguntamos se é este un centro público ou privado. Tan só hai que mirar a matrícula para descubrir qué pais e nais matriculan alí aos seus fillos, na maioría dos casos falseando os domicilios (coñezo casos nos que as vivendas familiares están a 10 kilómetros da cidade...)
Seguimos. Esta vez coa enésima gilipollez que se lle acaba de ocorrer ao listo de turno do ministerio. Os alumnos repetidores de 1º de Bacharelato manterán os aprobados (e menos mal que o Supremo tumbou a pretensión de que alumnos con 3 ou 4 asignaturas suspensas puidesen matricularse en segundo!).
Ou sexa, que tes que aturar a uns rapaces en clase que poden facer (ou non facer) o que lles pete, coa seguridade de que teñen a materia aprobada. Xenial. Eu teño tres en TICs, a ver que fago con eles.
Se agora o debate de moda é considerar (ou non) que o despilfarro é delito, propoño hic et nunc considerar delito penal calquera tipo de aberración educativa en modo de lei ou decreto, realizada por pseudoespecialistas que non teñen en conta aos verdadeiros profesionais que baixan á area todos os días.
Máis novidades. Restruturación dos Centros de Formación de profesorado. O Conselleiro inaugura (non para este home) o CAFI (Centro autonómico de Formación e Innovación), segundo el para facer máis eficiente e atractiva a formación. A min a xente que traballa nos CFR non me fala de eficiencia nin de atractivo. Fálanme de máis recortes de persoal, de menos investimentos.
Chega o turno da falar xa do meu centro, das situación das Clásicas no IES Manuel García Barros da Estrada.
Pois ben, o grego está morto, coa titular da materia desprazada e sen ningunha posibilidade de formar grupos de Cultura Clásica ou Grego I, dada a escasa ou nula petición por parte do alumnado. Algún día falaremos aquí polo miúdo da situación desesperada na que se atopa esta materia. Hoxe non toca.
En latín de 4º de ESO, e tras unha intensa campaña publicitaria na primavera, teño un grupo de 14 alumn@s. Hai que ir polo cliente. Mahoma e a montaña.
En latín de 1º de Bacharelato seremos 12 (todas rapazas!), coa novidade de comezar dende cero, xa que non tiven grupo de 4º o ano anterior (síntoo por elas, pero imos ter que poñernos as pilas dende o primeiro día, temos un curso que recuperar!)
En latín de 2º de Bacharelato somos xa vellos coñecidos. Levo con este grupo de 8 alumnos e alumnas tres anos, dende 4º.
Completo horario con dous grupos de TICS de 1º BAC, e chego así ata as 19 horas lectivas, sen gardas, iso si, non vaia ser que teña que ir coller os nenos das mans cando baixen do autobús. Porque agora, ademais de gardas de aula, de biblioteca, de recreo, teremos "gardas de autobús".
Unha pregunta, absurda claro: para cando un corpo de vixiantes-coidadores escolares, como noutros países? Pois mira ti que non ían saír prazas aquí na Gallaecia, e co paro que hai...
Comezamos. Agora si. Con novo proxecto. Deixarei xa o pantalón curto no armario (o luns, que hoxe aínda fai bo día)
*Imaxe en Flickr da praia do Vilar: ceos anubrados, mareira/forte mareita no curso escolar 2011/2012
2 comentarios:
ola!
acabo de ler isto!!falas dunha compañeira de grego que está desprazada porque o grego está morto. Qué materias imparte?
e ti queres recuperar en 1º bac latín o curso de 4º? dalles as grazas de que o escolleran en 1º e non as martirices con 2 cursos en 1. seguimos cometendo os mismos errores porque "os meus alumnos
teñen que sacar boa nota para demostrar o bo prof. q son". así nos vai, varrendo o que deixan TODOS os departamentos...y o que virá porque o próximo curso cambia 4º.
Para anónimo (que a ver cando deixas de selo...).
Teño a sensación de que es a mesma persoa que deixou outros comentarios similares nas entradas correspondentes ás probas de Selectividade.
A verdade é que é unha sensación incómoda a de entablar unha conversa con alguén que non sabes quen é. Me gustaría saber se ti es tamén profesor/a, onde traballas, etc.
Neste blog, e noutros moitos do planeta de Chiron, intentamos poñer en coñecemento dos demais colegas cal é a situación do noso centro, para poder facernos unha idea da situación real das nosas materias.
Con respecto á situación de 1º de bacharelato, onde uns veñen sin idea de latín e outros veñen co latín cursado de 4º, a papeleta que se nos presenta aos profesores é bastante complicada.
No meu caso intento que os que veñen sen nocións de latín "recuperen" canto antes esas carencias e se poñan ao nivel dos outros. E teño que dicir que o vou conseguindo, ata tal punto que no curso de 2º non se distingue quen tivo latín en 4º e quen non.
Tes ti ese mesmo problema? como o resolves entón?
Dende logo non comparto a túa idea das motivacións do profesor. Eu non traballo para demostrar nada.
Penso que a miña obriga é que os meus alumnos saian o mellor formados posible. E penso o mesmo na asignatura de latín, na de TIcs, ou en calquera outra que me encomenden. Niso estamos (e estaremos...)
É si, teño que recoñecer que me alegro moitísimo cando vexo as boas notas que sacan algúns dos meus alumnos nas avaliacións e nas probas da Selectividade, da mesma maneira que o lamento cando os resultados non son tan bos como deberían.
Este outono ademais deparoume outro motivo de ledicia: 2 alumnos de latín II do curso 2010/2011 conseguiron o premio extraordinario de Bacharelato de Galicia.
E o premio a un esforzo e a un traballo de varios anos, pero a un esforzo e a un traballo conxunto, o meu e o deles.
Non te alegrarías ti se o conseguisen os teus alumnos?
Publicar un comentario