30/04/09

Asemblea SEECGalicia (o día despois)

Na entrada anterior vertimos afirmacións un tanto comprometidas con respecto ao interese e participación do noso colectivo nas actividades desta sociedade. En concreto, pronosticabamos unha asistencia de 5 persoas (descontando a directiva).
Equivocámonos. E xusto recoñecelo. Non debimos poñer en dúbida esa capacidade mítica de mobilización dos profesores de clásicas en Galicia. Os datos son incontestables: a asistencia á asemblea de onte duplicou as estatísticas. O aforo chegou ás 10 persoas. O dobre que na última.
Algo está cambiando na Gallaecia. Nunca tal se vira.
Quizais para o ano xa sexamos unha ducia, ou, quen sabe, ducia e media. Non imos renunciar ao optimismo.
Tomou a palabra a nosa Presi para informar aos asistentes de todo o que se fixo para lograr unha entrevista coa (ex)conselleira de educación onde poder plantexarlle as nosas inquedanzas polas novas disposicións do sistema educativo que afectan ás nosas asignaturas.
Pero viñeron as eleccións, e os que estaban perderon, e viñeron outros.
E aí estamos. Paciencia, ao final conseguiremos esa cita. Esta vez con conselleiro.
Entre tanto, os que alí estivemos, chegamos á conclusión que de momento a loita está nos centros, nas comisión pedagóxicas, nos Claustros, nos Consellos Escolares. Unha loita urxente, pois o novo curso está, como Aníbal, ad portas.
Xose, nunha brillante intervención, comprometeuse a facer unha especie de "manual de guerras e guerrillas", un vademécum legal ao que o indefenso profesor de clásicas poida acollerse para vixiar que se cumple a legalidade nos centros á hora de planificar o vindeiro curso: nos sobres de matrícula, na oferta educativa, no número de alumnos para formar grupo, etc. Chegará nuns días aos correos dos socios.
Foi difícil, minto, foi imposible decidir entre todos cal é a mellor distribución de asignaturas en 2º de Bacharelato. Ninguén se atreveu a propoñer un modelo a seguir. Quedou claro que formar un itinerario onde se obrigue aos alumnos a cursar latín e grego resta alumnos antes que suma.
O que si acordamos foi loitar contra ese absurdo número mínimo de alumnos por asignatura. Aí houbo acordo xeral, e será unha das nosas principais reivindicacións. E a máis realista.
E logo chegamos ao que é xa un clásico: as probas de selectividade de latín.
Este ano o coordinador, Sr. Pereira, non convocou aos profesores para informar dos cambios das probas ou escoitar suxerencias. E logo pasa o que pasa.
Alguén pode explicar por que, se o tema de Literatura é A Lírica e Horacio, as lecturas son de Catulo? o se o tema e Cicerón e a Oratoria a lectura sexa de Tácito?
E que lectura. Medio folio dunha arenga a uns soldados. Houbo quen apuntou que foi a elixida porque saía de primeira no Google (e despois falamos dos nosos alumnos...)
Veu o turno logo da cuestión sobre a película Golfus de Roma. Alguén debeu confundir 4º de ESO con 2º de Bacharelato.
Seguimos logo co balance das actividades feitas por SEECGalicia neste ano. Unha edición máis, a mellor na miña opinión, do concurso Odisea, un novo curso de grego moderno, unha viaxe a Grecia con profesores e alumnos, outro ano de teatro en Lugo.
E o curso de Chiron. Non vou falar dos profes. Vou falar dos alumnos, dos que, por certo, había cumprida representación nas gradas (un 30% dos asistentes se nos poñemos estupendos).
Gustaríame falar dos meses que levamos traballando con eles, falando nos foros, escoitando as preguntas, as dúbidas, os novos proxectos. Vendo nacer novos blogs e wikis coma setas por toda a Gallaecia, ou como os cursos de Latín, Grego e Cultura Clásica se fan un espazo propio nos moodle dos centros.
Para rematar.
Hai algo máis dun ano que se celebraron eleccións en SeecGalicia. A candidatura do profesor Pereira foi derrotada por unha estreita marxe de votos.
Sabedes cantos membros desa candidatura asistiron onte á asemblea, participaron nos foros abertos, enviaron correos-e con propostas?
Pois si. Acertastes. Ningún.
E digo eu. Por que será?
Vai ti a saber.
Pois quen o saiba que o diga.


27/04/09

Asemblea SeecGalicia, mércores 29 abril 2009,

O vindeiro mércores 29 de abril, os socios da Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEECGALICIA) celebraremos unha asemblea, onde, como punto principal da orde do día, se vai tratar da situación das nosas disciplinas nos novos plans educativos, da súa aplicación no IES e das medidas a tomar.
Como vedes, nihil novum sub sole, pois deber ser innato á nosa especialidade esa loita pola supervivencia, na que levamos practicamente dende a nosa saída da Facultade.
Aí pode que empezasen xa os nosos problemas, cando en vez de graduarnos todos como "Profesores de linguas clásicas" sufrimos a nosa primeira división: os de latín e os de grego. Despois virían outras: catedráticos de primeira (de cando as oposicións diferenciadas), catedráticos de segunda (sive "apura que xa vén a xubilación..."), soldados rasos sen galóns ningúns ...
Mala situación dende logo para un colectivo que precisa estar unido.
E como está hoxe a situación das nosas materias en Galicia segundo o novo (de momento) plan educativo?
Na ESO temos a Cultura Clásica de oferta obrigada en 3º e en 4º (como no anterior), pero cunha modificación (negativa): os que a collan en 3º non a poderán cursar en 4º. E logo está o Latín, o noso gran logro nas ¿últimas? negociacións coas autoridades educativas, pero quizais en moitos casos o causante da "morte" da Cultura Clásica, que, alomenos no meu Centro, cada ano ten menos alumnos. Benvido sexa, por outro lado, xa que nos permitirá acadar un nivel moito máis alto logo nos cursos de Bacharelato, volvendo a aquela situación que tiñamos no COU.
No Bacharelato de Humanidades e Ciencias sociais hai unha asignatura obrigatoria, Xeografía, (algo que sucede en Galicia pero non noutras comunidades), 6 materias propias de modalidade e un número variable de optativas. O alumno pode elixir dúas das propias de modalidade e unha optativa, que pode ser tamén unha terceira materia propia de modalidade.
Tanto o Grego como o Latín figuran como materias propias de modalidade en 1º e en 2º curso.
A oferta educativa, sen embargo, pode variar substancialmente en cada Centro: hai quen, como no caso do meu Instituto, oferta as 6 propias de modalidade e 4 optativas, ofrecendo así liberdade de elección ao alumno, e hai que configura unha especie de "itinerarios", onde as opcións se restrinxen notablemente.
Ante esta situación creo que é difícil chegar a unha postura común como colectivo, posto que o que ser bo para un nun Centro determinado, pode ser perxudicial para outro. Hai uns días unha compañeira comentaba que ela "sacrificaba" ao Grego II, deixando que figurase como optativa, para asegurarse alumnos en Latín, que formaba parte dun itinerario pechado con Arte.
O cabalo de batalla está noutro lado: no número de alumnos mínimo para impartir unha asignatura, sexa como optativa ou como propia de modalidade. Esa é a nosa loita. Aí é onde debemos concentrar os nosos esforzos para intentar evitar o que podería ser a desaparición de moitas horas de Cultura Clásica, Grego ou Latín (Véxase o Informe Chiron, onde se compara a situación nas distintas comunidades)
Pero non todo vai ser preocupación e malas noticias. Eu por exemplo teño máis alumnos este ano que nunca, 20 en latín de 4º de ESO, 20 en Latín I e 10 en latín II, e a Xefa de Estudos apunta a posibilidade de un segundo grupo de latín de 4º para o vindeiro curso.
Por outro lado a USC vén de aprobar o Grao de Filoloxía Clásica, que entrará en vigor xa o próximo setembro.
Sexamos positivos. Por se isto fose pouco, a asemblea do mércores brindará unha nova ocasión para facer unha demostración da nosa proverbial unión como colectivo e da nosa capacidade de mobilización.
Un dato: na última asemblea celebrada hai varios anos, descontando á directiva, a asistencia chegou mesmo ata as 5 persoas!!
pd: Pero tranquilos, que a culpa de todo sempre é da Administración. No meu primeiro ano de Instituto había un profesor que acaparaba sempre os turnos de palabra nos Claustros, e consumía horas e horas botándolle as culpas de todo a ese ente denominado "A Administración". Eu nunca souben a que se refería, nunca souben poñerlle unha faciana, dotala dun corpo propio, non como outro amigo meu de Ourense, que un día confesoume que sempre pensou que "o pelotón" dunha carreira ciclista era un corredor máis, que sempre chegaba de último...!

08/04/09

Peplum, de Blutch

Dende outubro do ano pasado está nas librerías esta inquedante historia saída da pluma deste autor de tan só 37 anos e publicada en España por Ponent Mon.
Unha adaptación libre do Satiricón de Petronio pero tamén unha homenaxe á Roma de Fellini ou ao Iulius Caesar de Shakespeare, segundo nos conta o propio autor nesta entrevista.
Nunha Roma convulsa tralo asasinato de César, de escuros mercaderes e de tebrosas navegacións baixo un ceo sempre ameazador, velaquí a historia dun amor imposible, dun descenso aos infernos na procura da beleza imposible e inmortal, a historia da cobiza e da ingratitude humana.
A historia do impostor Publio Cimbro, que persegue a unha moza atrapada nun bloque de xeo.
Nestes días, nas nosas rúas, outros moitos Cimbros sairán tamén tralas súas deusas, presas na madeira policromada.


Reseña en "13 Millones de naves"
Reseña en "La cárcel de papel"
Reseña en "Tras las turquesas cortinas"

Composición Culta e Derivación de orixe grega e latina

compo_deriva_grega_latina_alumno_def_1_2

Este é o título desta actividade que preparei pensando nos meus alumnos de latín de 4º de ESO, aínda que o resultado final penso que ben pode aproveitar tamén aos de 2º de Bacharelato, sendo como é obxecto dunha das preguntas optativas do exame de selectividade.
É un documento de 19 páxinas, onde, logo dunha moi breve introdución á estrutura básica da palabra e á formación das mesmas, dase paso a unha táboa de composición erudita de orixe grega no primeiro elemento.
Temos unha serie de étimos e o seus significados desordeados. O alumno terá que construír unha nova táboa co étimo grego, o seu significado e aportar exemplos.
Sigue outra actividade idéntica, pero agora co étimo grego no 2º elemento da palabra, e outra máis con prefixos de orixe grega.
Logo vén o composición erudita de orixe latina, de 1º e 2º elemento, onde o alumno terá que seguir construíndo novas táboas, ademais de buscar o significado dos étimos latinos (os dos étimos gregos xa figuraban, aínda que desordeados, pero agora terán que empregar o diccionario).
Por último, dúas actividades un pouco máis difíciles. O alumno terá que completar dúas táboas de prefixos e sufixos latinos, ordeando os significados destes últimos é buscando exemplos de cada acepción léxica.
En resumo, 7 actividades que poden ocupar outras tantas clases, se deixamos aos alumnos que sexan protagonistas activos na busca das solucións.
Ao final do documento engadín a licenza creative Commons que utilizo tamén neste mesmo blog.
Todos os meus materiais están na rede, a disposición de todo o que queira utilizalos. O único que pido é o seguinte:
  • que se algúen os utiliza, me cite como autor
  • que non se faga uso comercial do mesmos
  • e que se se comparte ou transforma, se faga con esta mesma licenza
pd: se alguén de fóra da Gallaecia está interesado nesta actividade e quere traducir o documento a outras linguas para utilizalo nas súas clases, que se poña en contacto comigo ou deixe un comentario. Podedes encontrar esta e outras actividades interesantes na WiChiron, a wiki de recursos de Chiron.